Paneis solares a través das baterías de coches

Un grupo de investigadores do MIT traballan nun innovador proceso de desenvolvemento no que utilizarán as baterías de coches para fabricar paneis solares.

Un grupo de investigadores do MIT, liderado polas profesoras Angela Belcher e Paula T. Hammond (e avalado pola empresa enerxética italiana Eni a través da MIT Energy Initiative), describiu recentemente na revista Energy & Environmental Science o proceso que desenvolveron para reciclar materiais presentes en baterías de coches desbotadas (altamente contaminantes, a causa do chumbo que incorporan) en resistentes paneis solares capaces de subministrar enerxía libre de emisións.

O devandito sistema, baseado no uso dun composto chamado perovskita de haluro de chumbo, foi notablemente mellorado dende os experimentos iniciais de 2012, e as células fotovoltaicas baseadas na perovskita xa logran unha eficiencia de conversión de enerxía de máis do 19%, logrando así ser case tan competitivas como as células solares comerciais baseadas en silicio.

Aínda que nun principio a presenza de chumbo neste composto se considerou un inconveniente, valorouse o feito de poder desviar un material destinado a contaminar en vertedoiros á produción de enerxía limpa: unha das principais razóns para centrar agora a atención na reciclaxe das vellas baterías de coches é o feito de que a irrupción no mercado das novas baterías de ións de litio ameaza con romper en breve a cadea de reutilización do chumbo para a construción de novas baterías de chumbo-ácido, por quedar estas obsoletas. Agora, esta investigación do MIT será de grande utilidade para dar un uso sustentable a eses residuos.

Agora que se conseguiu converter a perovskita nunha película de só medio micrómetro de espesor, sabemos que unha única batería de coche podería producir paneis solares suficientes para subministrar enerxía a 30 fogares. Nun panel solar rematado, a dita capa de chumbo quedaría totalmente encapsulada entre outros materiais, limitando así o risco de contaminación do medio ambiente. Cando os paneis deban ser retirados, a capa de perovskita poderá ser reutilizada aínda varias veces. Ademais, ao ser un material procesable a baixas temperaturas, a produción de células solares require menos tempo e custo que a baseada en silicio, polo que resulta doado de producir a grande escala. O aforro é aínda maior se pensamos que libera da necesidade de investir na busca e extracción de novas fontes de chumbo.

(Fonte: Agencias)