Ouvir desenvólvese na preincubadora Tecnópole-Uvigo coa súa oferta de servizos de apoio a persoas con diversidade funcional

Da necesidade de valorar a diversidade funcional humana xurdiu o proxecto Ouvir. A súa promotora, Estefanía Estévez Cacheiro, estudara Educación Social no campus de Ourense e tras completar un máster en intervención en discapacidade e dependencia, decidiu apostar pola súa idea de negocio.

E para iso aproveitou a convocatoria do ano 2017 dos premios Incuvi-Emprende, que fomentan o emprendemento entre os estudantes universitarios. “Non considerara como tal o feito de ser emprendedora ata que vin a convocatoria”, conta Estefanía, que estivera xa a traballar como educadora social. “Nese tempo fóranme xurdindo novas inquietudes profesionais, con expectativas de mellorar o meu futuro laboral a medio ou longo prazo cun proxecto propio, e cando coñecín a convocatoria non o dubidei, porque entendín que era a miña oportunidade,” recoñece, advertindo ademais que o premio para os gañadores lle resultaba “tentador”.

Resultou que a súa proposta foi seleccionada e Estefanía puido instalarse nun niño da Tecnópole, para arrancar a súa idea, Ouvir. “É un proxecto social, que xorde da necesidade de valorar a diversidade funcional humana, tanto no aspecto físico, coma no sensorial ou cognitivo, garantindo o exercicio dos dereitos que todo ser humano ten de decidir como quere participar en asuntos como o acceso ao emprego, a educación, o ocio, ou o uso da comunidade. En resumo, elixir como queremos construír a nosa vida de modo independente”, explica.

Na súa opinión, proxectos como o seu promoven un modelo de intervención máis social, e non centrado só no sanitario. “Insístese en escoitar as demandas das persoas e non falar por elas, senón respectar que sexan motores da súa propia vida. Nunha sociedade multiétnica, multirrelixiosa e multicultural, a multidiversidade debe ter o seu espazo de calidade”, asegura Estefanía.

Do proxecto que ela mesma puxo en marcha, destaca esta profesional o servizo de asistencia persoal. “É algo pouco coñecido e pouco estendido a pesar de ser o que máis promociona a autonomía real”, conta, recalcando que “por desgraza, as propias empresas chamadas sociosanitarias chegan a ofrecer este servizo” de forma equivocada ao realizar tarefas de coidado ou axuda a domicilio”.

Ademais, en Ouvir ofértanse servizos para profesionais. “Formúlase formación relacionada co movemento de vida independente, filosofía da que subxace este proxecto”, explica a súa promotora.

Espazo e formación

Para Estefanía, poder dispoñer dun espazo de traballo e alternativas de formación foi moi importante. “O que máis aproveitei foi o asesoramento e a titorización continua do meu proxecto. En todo momento me guiaron para dar pasos en firme e ir consolidando as miñas ideas. Cando xa estás dentro é cando te dás conta da cantidade de traballo que hai detrás dun plan de negocio viable”, recoñece.

O seu, é, de momento “ir ampliando a oferta de servizos e produtos socioeducativos e alcanzar un maior número de clientela”. Asegura que os últimos doce meses foron “intensos” en canto a esforzo pero di estar convencida de que “seguirei traballando no que me apaixona, como educadora social no ámbito da diversidade funcional humana”. Constata que “no meu día a día cabe todo menos o aburrimento, ao prestar servizos tan individualizados a cada persoa e en horarios tan flexibles, cada semana é distinta”.

E ten xa plans de futuro, como non. “A curto prazo, estamos a dar os últimos detalles á páxina web que inclúe plataforma e-learning, para poder ampliar canto antes a oferta formativa”, explica a profesional. Xa para máis adiante, a medio ou longo prazo, “a idea é incorporar unha socia máis e así poder contar cun local fixo no que introducir novos servizos socioeducativos e formativos presenciais”.

(Fonte: La Voz de Galicia)