Ourense participa na aposta por unha aceleradora téxtil galega (Roberto Verino)

Zona Franca de Vigo e o deseñador ourensán Roberto Verino presentaron as dez empresas seleccionadas para a primeira aceleradora téxtil que convocan, ViaTextil. O delegado do Estado, David Regades, e o deseñador anunciaron as firmas promesa e oficializaron o comezo desta formación. Ambos lembraron que o obxectivo do programa de aceleración é ofrecer un plan de empresa baseado na detección de oportunidades, proporcionar competencias e formación a medida por profesionais destacados do sector, encontros Networking e acceso a financiamento.

«O sector téxtil en Galicia enfróntase a dous desafíos na actualidade, a necesidade de adaptarse ás novas tecnoloxías e o pequeno tamaño das empresas», sinalou Regades, que tamén destacou a presenza de Roberto Verino neste programa: «Fíxose co liderado desta aceleradora nun concurso competitivo, que gañou pola súa proposta de valor». Roberto Verino, pola súa parte, sinalou: «É unha oportunidade única en Galicia para innovar, reter e potenciar talento e para demostrar que cando as sinerxías se unen saen proxectos marabillosos como este».

Entras as dez firmas hai unha ourensá. Trátase de Suagongo, nacida en 2020, en pleno confinamento, como a simbiose perfecta entre o detalle da artesanía tradicional e a versatilidade da tecnoloxía 3D, o ADN da marca. As súas coleccións son unha oda ao mundo rural e artesanal, e aos costumes de Galicia e Asturias.

Fonte: La Voz de Galicia