Ourense participa en cinco proxectos de Conecta Hubs

Coren, Redegal, Lincbiotech, Madera Plus, Amodo Soluciones, Viña Costeira e Arbinova son empresas ourensás que comparten o seu carácter innovador, traballando para ofrecer solucións diferentes ás necesidades do mercado e dos consumidores. Os seus proxectos atoparon o respaldo da Xunta, a través da Axencia Galega da Innovación (Gain) no marco do programa Conecta Hubs, no que se destinan 6,4 millóns de euros para proxectos de I+D+i en procesos, organización ou innovación de produtos.

Plataforma APTC é un dos proxectos e está liderado por Coren e Redegal, que uniron os seus esforzos para saber como se comporta o consumidor ante un produto e coñecer algunhas das claves que lle impulsan ou non á súa compra. Redegal desenvolverá a tecnoloxía necesaria para realizar a análise na tenda física. Trátase dun dispositivo que estudará o movemento dos clientes ante os lineais, o interese demostrado por uns produtos ou outros, o tempo medio que dedica a elixir determinado artigo, así como os criterios que puideron influír na decisión de compra. Posteriormente será a quenda de Coren, que poderá analizar toda a información recollida no punto de venda. Deste xeito, a cooperativa ourensá poderá avaliar a efectividade da plataforma, coñecendo a percepción dos seus produtos por parte dos consumidores e pondo en marcha novas estratexias de mercado de forma dinámica.

O proxecto Saratrof é un sistema analítico do rendemento agregado de traballadores robots en operacións de fabricación. Trátase dunha ferramenta para estudar o rendemento das factorías considerando de forma agregada o comportamento dos robots, as máquinas e os propios traballadores co obxectivo de incrementar a competitividade da produción. Neste caso a participación ourensá vén da man de Arbinova, con sede en Barbadás, aínda que o proceso produtivo desenvólveo en Salvaterra do Miño baixo a marca comercial Beta Implants.

Nunha Comunidade onde a madeira é un importante recurso económico, non podían faltar ferramentas para a xestión e certificación forestal. Bikenta-MPlus é a solución para os propietarios e xestores forestais, e Madeira Plus é a empresa ourensá que a promove. Grazas a esta ferramenta os propietarios poderán aumentar os recursos e servizos obtidos do monte, proporcionando así máis valor á súa propiedade.

A empresa Lincbiotech, con sede sede no Parque Tecnolóxico de Galicia, participa no proxecto Sersbiotech, un sistema de internet das cousas para a detección automática de patóxenos na auga mediante intelixencia artificial, biotecnoloxía e integración tecnolóxica nano SERS. Pola súa parte, Amodo Soluciones participa no proxecto Smartgecko.

Por último, o proxecto liderado por Viña Costeira, Libatio, busca achegar a transformación dixital ao sector vitivinícola mediante a monitorización en tempo real da etapa de maduración do viño a través dun sistema de sensorización.

Fonte: La Región