Os usuarios da sala de coworking de Tecnópole terán acceso gratuíto a outros 18 espazos repartidos por toda España

Os usuarios da sala de coworking de Tecnópole teñen acceso gratuíto a partir de agora a outros 18 espazos destas características repartidos por toda España. O obxectivo é facilitar un lugar de traballo e de contactos aos profesionais independentes que teñan espazo reservado en Tecnópole e que viaxen a outras localidades de xeito puntual.

Este novo servizo, denominado COVisa, é froito do acordo alcanzado por varios membros da Comunidade Coworking de España, que aglutina a espazos deste tipo de todo o Estado e ao que Tecnópole pertence dende que puxo en marcha a súa sala hai dous anos.

Os ocupantes da sala de coworking de Parque Tecnolóxico de Galicia poderán usar de forma gratuíta durante tres días calquera dos 18 espazos adheridos ao servizo no mesmo réxime de uso que teñen en Tecnópole. Isto dálles acceso, dentro de Galicia, á sala Colaboratinne da Coruña, e fóra a espazos en Madrid, Barcelona, Valencia, Murcia, Mallorca, Xirona, Huesca e Málaga.

A sala de coworking de Tecnópole foi a primeira que se puxo en marcha na provincia de Ourense e unha das primeiras en Galicia. O espazo, que conta con seis postos de traballo, está dotado con servizos especialmente orientados á actividade dos profesionais autónomos, que poden acceder a ela de xeito totalmente flexible: dende un día -cun custo de 12 euros- ata varios meses -por 100 euros mensuais-.

Para traballadores autónomos

Despois de vinte anos de traxectoria poñendo parcelas a disposición de pemes e niños dirixidos a emprendedores, Tecnópole habilitou este novo servizo para cubrir as necesidades do colectivo dos traballadores autónomos que non teñen a esixencia de espazo individual e con interese por interactuar con outros profesionais.

A proximidade con máis de 80 empresas dentro do mesmo recinto e coas dos tres polígonos industriais anexos, á que se suma a posibilidade de acceder a niños nas tres incubadoras do Parque Tecnolóxico no caso de necesitar espazo individualizado nun futuro, son algúns dos valores engadidos que presenta a opción do coworking en Tecnópole. O establecemento de sinerxías cos outros profesionais que comparten o espazo e a proximidade de tantos clientes e colaboradores potenciais supoñen vantaxes competitivas para os futuros ocupantes deste espazo.

A sala de coworking, un espazo de 60 metros cadrados situado no edificio intelixente Tecnópole I, está pensada para que os profesionais independentes da área de Ourense a poidan utilizar como oficina habitual e os do resto de Galicia como enclave ocasional nos seus desprazamentos á provincia, de aí que o período de permanencia sexa totalmente flexible. Os seus ocupantes teñen acceso a todos os servizos dunha oficina en réxime de aluguer (incluíndo internet wifi, salas de reunións, aparcamento, limpeza, seguridade, control de accesos e recepción), con posibilidade de utilización os 365 días do ano.

Os espazos de coworking representan un modelo de traballo novo no que os profesionais non só comparten unha situación física, senón o interese pola colaboración con outros nun ámbito aberto e multidisciplinar no que se poidan compartir ideas e proxectos. Este concepto orixinouse nos Estados Unidos, de onde foi importada polas grandes cidades europeas cunha rápida extensión a núcleos de poboación cada vez máis pequenos.

(Fonte: Tecnópole)