Os tres proxectos “tractores” elixidos pola Xunta xerarán 1.700 empregos

Unha planta de 50 megawatts para xerar hidróxeno verde, un centro de economía circular para converter os xurros das granxas en fertilizantes ou biogás e, por último, un centro industrial orientado a producir fibras téxtiles a partir da madeira. Estes son os tres proxectos “tractores” seleccionados polo comité de expertos económicos de Galicia para axudar a reactivar os motores da economía tras a pandemia do coronavirus. O Goberno galego deulle o visto e prace a estas iniciativas e, en diante, concentrará os seus esforzos en captar financiamento europeo e atraer socios estratéxicos para desenvolver unhas iniciativas que permitirán mobilizar un investimento de 1.300 millóns de euros, xerando ao redor de 1.700 empregos directos.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, admitiu que todos estes proxectos xa estaban esbozados e analizados antes de que se declarase a pandemia da covid-19. No entanto, puxo de relevo que a crise sanitaria pode actuar de acicate para darlles “máis impulso” e presentar a súa candidatura a programas de soporte financeiro europeo como o European Green Deal (Pacto Verde Europeo) así como o Fondo Next Generation, concibido tras a crise da covid-19 e ao que Bruxelas quere dotar con 750.000 millóns de euros para o cuadrienio 2021-2024.

Existen aínda outras fontes de financiamento que a Xunta está disposta a explorar para atraer aos socios investidores privados, como son os créditos bonificados de institucións como o Banco Europeo de Investimentos (BEI), á parte da liña de axudas propia dirixidas a incentivar o investimento en políticas de I+D+i, que serán definidas no proxecto de orzamentos que o Goberno galego confía en presentar para o ano 2021, en caso de superar o aval das urnas.

Transición enerxética

Feijoo destacou que este tres iniciativas son “claves” para cumprir cos obxectivos marcados na transición enerxética para avanzar cara a modelos industriais máis sustentables. En canto aos proxectos tractores seleccionados para o seu desenvolvemento, o que maior investimento require é a planta de produción de fibras téxtiles como a viscosa ou o celofán a partir da madeira. Require dunha inxección de 700 millóns de euros e suporía a creación de 800 postos de traballo directos.

Un centro de economía circular para transformar xurros das granxas en fertilizantes e biogás

Os tres proxectos tractores seleccionados teñen a mesma importancia estratéxica para a Xunta, pois todos eles achegarían moito valor engadido en termos de innovación tecnolóxica e postos de traballo na comunidade. Pero hai un que destaca sobre os demais en volume de emprego xerado, cunha relevancia especial para o medio rural.

Trátase do desenvolvemento dun centro para o impulso da economía circular, pois permite o tratamento dos residuos xerados polas explotacións gandeiras. A creación do devandito centro require dun investimento de 525 millóns de euros, o que permitiría crear 820 empregos directos, case a metade dos previstos en todos os proxectos tractores.

O funcionamento da planta consiste en crear unha rede para tratar e valorizar os xurros das granxas, plásticos, residuos industriais orgánicos, lixo mariño e residuos téxtiles para procesalos e convertelos e obter como produtos finais biogás e fertilizantes de máxima calidade, que volvería ter como principal destinatario o sector primario galego. Dos residuos plásticos e téxtiles tamén se obtería material reciclado que se incorporaría, xa como materia prima, a outros procesos industriais.

En canto á planta de xeración de hidróxeno verde, considerado o combustible do futuro, debido a que é case inesgotable e non xera gases contaminantes, a Xunta prevé construír unha planta de 50 megawatts, cun investimento de 65 millóns que permitirían crear 50 postos de traballo. “Os alemáns lévannos algunha vantaxe e Galicia ten que ser referente no hidróxeno verde”, manifestou Feijoo, que subliñou que esta planta permitiría cumprir o obxectivo de chegar ao 2030 co 100 % de xeración de enerxías renovables.

Fonte: La Voz de Galicia