Os traballadores das empresas e centros tecnolóxicos de Tecnópole realizarán a última etapa do Camiño Francés a Santiago en xuño

Parque Tecnolóxico de Galicia está organizando unha actividade de convivencia para todos os traballadores da sociedade xestora, as empresas e os centros tecnolóxicos con actividade no seu recinto. Trátase de realizar en grupo a camiñada de 40 quilómetros entre Arzúa e Santiago de Compostela que representa a última etapa do Camiño Francés.

A fin de semana elixida para a peregrinación é a do 19 e 20 de xuño, cun percorrido previsto de 20 quilómetros por día. O sábado sairase en autobús dende Tecnópole ata Arzúa (A Coruña), onde comezará o traxecto a pé. A media tarde chegarase á localidade de Pedrouzo, onde se fará noite no polideportivo.

O domingo a primeira hora iniciarase a parte final do Camiño para chegar a Compostela a mediodía. Despois da comida de despedida partirase de novo a Ourense dende a Alameda de Santiago.

Todo o que se anime a participar ten de prazo para anotarse (ou preguntar o que necesite) en isabel@tecnopole.es ata o 10 de xuño.