Os catro socios de ER-INNOVA celebraron onte en Tecnópole a reunión de ecuador de proxecto, na que se analizou a súa evolución até o momento e se coordinaron os pasos a dar durante os próximos meses.
Durante a súa primeira fase, o proxecto estivo centrado en tarefas de identificación das necesidades das pequenas e medianas empresas do sector das enerxías renovables da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal en materia de Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC). Ademais, iniciáronse os labores de captación de pemes para a fase de consultoría, que ten como obxectivo obter toda a información necesaria para abordar o deseño das ferramentas TIC que se espera que sexan un reforzo á súa competitividade.
Baixo a lema ‘A enerxía do TIC’, o proxecto materializarase a finais deste ano nun programa piloto de implantación de ferramentas tecnolóxicas en aproximadamente un centenar de pemes, coa intención de estenderse a continuación a todo o sector das renovables e mesmo ser obxecto de transferencia a outros ámbitos de actividade, coas adaptacións necesarias.
Os socios do proxecto son Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), que actúa como xefe de fila; a Asociación de Empresas Galegas adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (EGANET); a Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, a través da súa Oficina de Programas Internacionais de I+D+i (OPIDi); e NET Novas Empresas e Tecnologias, S.A.-Business and Innovation Centre do Porto (NET-BIC Porto).
Da reunión celebrada onte en Tecnópole despréndese que os labores de consultoría comezaron xa en varias pemes enerxéticas galegas, un proceso que se está levando a cabo en paralelo ás tarefas de finalización da captación de empresas en Galicia e no Norte de Portugal. En total, serán entre 15 e 20 as pemes que participarán neste proceso, cunha distribución territorial equilibrada e repartición igualitaria entre o tres ámbitos de actividade máis relevantes no sector: produtores, instaladores e distribuidores de enerxías renovables. As tarefas de captación de empresas no Norte de Portugal, coordinadas por NET-BIC Porto, iniciáronse xa a través de varias reunións coas principais asociacións empresariais do sector e reforzaranse cunha xornada que terá lugar proximamente.
O ámbito de actuación destas tarefas de consultoría será o relativo ao primeiro paquete de ferramentas contemplado no proxecto: as de xestión interna, a través de aplicacións de escritorio para as empresas tales como sistemas de planificación de recursos empresariais (ERP) e de administración da relación cos clientes (CRM). Unha vez terminada a fase de consultoría, levarase a cabo un proceso de implantación das ferramentas en 25 empresas da Eurorrexión (as que son obxecto de consultoría máis outras), que incluirá accións formativas relativas ao seu uso.
O segundo conxunto de ferramentas contempladas no proxecto teñen como obxectivo fomentar a cooperación en I+D+i e a venda por internet. O resultado será unha plataforma web para a articulación de proxectos colaborativos na área da investigación, o desenvolvemento e a innovación e para impulsar as transaccións on-line entre os distintos axentes que operan no mercado das enerxías renovables, con especial incidencia na implantación da factura electrónica. Neste ámbito, OPIDI realizará a finais do mes de maio unha xornada para difundir estas ferramentas, que o proxecto prevé implantar nun total de cen empresas, ademais dos programas europeos de soporte financeiro á innovación no sector das renovables.
Oito empresas
As empresas que empezaron xa a colaborar na fase de consultoría e que, posteriormente, se integrarán no programa de implantación das ferramentas de escritorio, teñen a súa sede en distintas localidades galegas. Trátase de Bilega Enxeñaría (A Coruña), Novagal (Sigüeiro, A Coruña), Arquisolux (Santiago de Compostela), Sol e Clima (Verín, Ourense) e catro empresas con base en Tecnópole (San Cibrao das Viñas, Ourense): Gaélica Solar, Kinetika Innovacións Estruturais, Cruz Castro Renovables e Laddes Works.
Os criterios fixados conxuntamente polos socios para seleccionar as empresas que se están integrando no proxecto son: que se trate de pemes, que manifesten carencias en materia TIC e interese por participar en proxectos cooperativos e que pertenzan a un dos tres ámbitos de actividade máis relevantes do sector (produtores, instaladores e distribuidores).
Financiamento FEDER
A iniciativa está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea e desenvólvese ao amparo do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013. O seu marco temporal é bianual (2009-2010) e conta cun financiamento total de 931.693,68 €, dos que o 75% procede dos FEDER.
O proxecto enmárcase no interese da Eurorrexión de realizar unha importante contribución ao obxectivo que a Unión Europea formulou na súa Directiva de 2009 de ‘Fomento do uso de enerxía procedente de fontes renovables’: que en 2020 o 20% do consumo enerxético de toda a UE proceda de fontes renovables.