Os robots saen ao rescate e xa axudan nas tarefas de análise e desinfección

“Cando pensamos nun robot, normalmente imaxinámonos un brazo articulado nunha cadea de montaxe ou un artefacto con forma humanoide, pero hai moitas outras maneiras de automatizar un proceso e reducir ao mínimo a intervención humana”. Ignacio Armesto, profesor de Enxeñaría de Sistemas e Automática e coordinador do Máster de Mecatrónica da Universidade de Vigo, destaca o papel que xa desempeñan estoutros robots na loita contra a pandemia. 

“Unha destas máquinas, que en realidade non ten para nada aspecto de robot, senón que é máis ben como un grande armario, é a que analiza as mostras dos pacientes para detectar se teñen ou non coronavirus. Son dispositivos capaces de realizar ata 1.400 tests ao día, algo que requiriría moito persoal se houbese que facelo a man”, explica. No Hospital Meixoeiro, de Vigo, xa funciona este equipo, e Inditex doou outros catro a Sanidade. 

É unha das tarefas que están a executar robots e que permiten minimizar a exposición dos sanitarios ao contaxio. Os sistemas automáticos tamén interveñen noutros traballos, como a distribución de comida e medicamentos aos pacientes ou a limpeza e desinfección de habitacións e diferentes espazos nos hospitais. “No Hospital Álvaro Cunqueiro, por exemplo, parte do sistema de repartición das comidas está robotizado e, nun escenario como o actual, isto resulta unha vantaxe porque minimiza os contaxios”, apunta Armesto. 

Os robots tamén colaboran na desinfección de cabinas, habitacións e quirófanos nos complexos hospitalarios. “Son robots móbiles parecidos ás aspiradoras que xa hai en moitas casas: a diferenza é que van equipados con lámpadas de raios ultravioleta C. Navegan de forma autónoma sorteando os obstáculos e alcanzan todos os recunchos”, explica o profesor da Universidade de Vigo. Fabrícanse en Dinamarca e en China xa adquiriron dous mil unidades que usan nos hospitais. “O sistema -engade- elimina o 99,9 % das bacterias e virus da habitación”. 

En Italia tamén se utilizan robots para distribuír medicamentos e interactuar cos pacientes illados por coronavirus. 

Outros dispositivos 

Non son estes os únicos dispositivos que saíron dos laboratorios para contribuír a frear a propagación do virus. Outros dispositivos, enumera Armesto, son os drons para tarefas de vixilancia, as cámaras térmicas para controlar a temperatura das persoas en espazos públicos como aeroportos ou os recursos da intelixencia artificial para rastrexar os sinais dos móbiles e estudar os movementos da poboación, como se fixo en Corea do Sur. 

“E, por suposto, outro grande aliado para resolver os problemas loxísticos é a impresión en 3D, que se empregou tanto para a fabricación de máscaras protectoras como para a produción de respiradores a partir de proxectos colaborativos e solidarios”, lembra o profesor. 

Fonte: La Voz de Galicia