A tecnoloxía permite que os tenreiros se aleiten sós e encárgase de muxir as vacas 24 horas ao día, de darlles periodicamente alimento e de controlar a súa produtividade Os pais de Fernando Lago Eiras sacaron adiante unha casa de cinco membros con apenas vinte vacas. Fai non tantos anos, eran suficientes para pagar tres carreiras universitarias. El tivo claro dende pequeno que quería ser gandeiro e formouse como enxeñeiro agrónomo. Hoxe está ao cargo do negocio familiar xunto coa súa muller, Zaira Rodríguez, aínda que as cortes que recorda de cando era neno pouco teñen que ver con como son agora.
Os robots coáronse nelas e forman parte do día a día das frisoas. Non só axudaron a aumentar considerablemente o confort dos animais e a produción, senón tamén a suplir as necesidades de man de obra que tiñan. “Un dos maiores problemas que temos no sector é que non hai xente que queira traballar nisto e era imposible facer todo este traballo a man entre dúas persoas”, explica o gandeiro de 35 anos.
O primeiro paso foi ampliar a vella corte e o segundo, investir en novas tecnoloxías. Agora unha arrastradora (unha máquina co aspecto dun robot aspiradora xigante) percorre os corredores da corte e, cada dúas horas, achega a herba seca aos comedeiros para que os animais sempre teñan alimento. Fernando e Zaira tamén adquiriron unha amamantadora automática para os tenreiros. “Antes dábaselle cun biberón, supoñía dúas horas de traballo polas mañás e outras tantas pola noite. Os primeiros 15 días seguimos facéndoo a man, pero cando xa están un pouco fortes pasan a facelo sós”, di ela.
Comen cada vez que a lles antolla, pero non cantas veces queiran, porque a máquina identifica aos animais e cada un ten unha cantidade máxima asignada polos seus donos, en función das súas características. Para iso levan un colar cun chip identificador do tamaño dun paquete de tabaco que contén toda a súa información (nome, data de nacemento, peso, …). O mesmo aparato utilízao o sistema de muxidura coas 72 vacas adultas. Este traballa as 24 horas e os 365 días do ano. Tampouco necesita de ninguén que as leve. Van pola súa propia conta porque, ademais, teñen un incentivo. Mentres se extrae o leite están a comer penso. Cae dun tubo ata unha báscula que pesa a cantidade exacta recomendada para cada res.
Ao mesmo tempo que Anabel (a parella de gandeiros rexeita a idea de que os seus animais acaben sendo números sen nome) degusta os seus 2,91 quilos de penso, o robot encárgase de cepillalo e desinfectarlle as mamas. Mediante un láser e unhas coordenadas detecta os ubres para iniciar a muxidura. O leite obtido vai por unhas mangueiras, directamente ao tanque.
(Fonte: La Voz de Galicia)