Os produtos tecnolóxicos encabezarán as exportacións mundiais

As exportacións de produtos de alta tecnoloxía crecerán máis que as exportacións do resto de bens nos próximos 15 anos, segundo un estudo de HSBC sobre o comercio mundial.

No mesmo informe, o banco prognostica que os países emerxentes asiáticos deixarán de ser unha zona de produción a baixo custo para as marcas estranxeiras para desenvolver produtos locais de valor engadido.

Os produtos de alta tecnoloxía crecerán máis do 25% dos bens comercializados no ano 2030 comparado co 22% en 2013. O valor do comercio mundial de bens elevarase a unha media do 8% de 2014 a 2030, mentres que os bens tecnolóxicos o farán ao 9% anual. O comercio de combustible crecerá un 5% e as materias primas arredor do 6%.

Segundo a Organización Mundial do Comercio, combustibles e minaría foi a categoría de exportación de maior crecemento entre 2009 e 2012, seguida dos produtos agrícolas.

HSBC sinala que gran parte do futuro aumento no comercio de alta tecnoloxía se debe á internacionalización das cadeas de subministración, con pezas de produtos que cruzan as fronteiras nacionais.

En 2030, China representará máis da metade do comercio mundial de bens de alta tecnoloxía, mentres que Hong Kong e os Estados Unidos se manterían en segundo e terceiro lugar; e Corea do Sur desprazaría a Singapur como cuarto maior exportador de bens de alta tecnoloxía.

O pasado ano, China tiña o 36,5% das exportacións mundiais de bens de alta tecnoloxía, por diante de Hong Kong (13%) e Estados Unidos (9,6%). No ano 2000, Estados Unidos foi o maior exportador de tecnoloxía do mundo, cunha cota de mercado do 29,2%. “A internacionalización das cadeas de subministración explica por que Estados Unidos -o creador de aparatos como o iPhone- ten un déficit comercial destes bens”, sinala HSBC.

(Fonte: El País)