Os membros da Rede de Xestores de Innovación de Galicia (XIGA), promovida pola Consellería de Economía e Industria, incorporaránse os vindeiros días aos seus postos de traballo nas pemes que viron aprobada a súa solicitude para contratar a estes profesionais co apoio económico da Xunta de Galicia. O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, clausurou esta mañá no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) o curso intensivo de formación desta primeira promoción de expertos e entregoulles os seus diplomas acreditativos.
n
nAs pemes beneficiarias por este programa de apoio á innovación empresarial recibirán axudas por un importe total de 45.250 euros cada unha entre este ano e 2013 para facerlle fronte aos gastos derivados da contratación, que se materializarán no 70% do custo laboral o primeiro ano, o 50% o segundo, e o 30% o terceiro, sobre un importe máximo de 30.000 euros para o salario bruto anual e a cota empresarial da Seguridade Social a tempo completo.
n
nGuerra destacou que, mediante esta iniciativa, a Xunta trascende as accións de cofinanciamento de proxectos concretos de innovación empresarial –que, segundo sinalou, seguirán estando vixentes- para abordar o soporte á incorporación nas pemes de capital humano especializado na xestión destes proxectos. “O obxectivo é capacitar as empresas para convertelas nas promotoras do aumento da súa competitividade a través de recursos propios”, explicou.
n
nO conselleiro de Economía e Industria enmarcou esta iniciativa nos esforzos que a Xunta consolidará coa posta en marcha do Plan Galego de I+D+I 2011-2015 e da Axencia Galega de Innovación, encamiñados a conseguir que o gasto en I+D ascenda ao 3% do Produto Interior Bruto (PIB) no ano 2020.
n
nSegundo detallou o director xeral de I+D+I, Ricardo Capilla, na listaxe de empresas están representados todos os sectores estratéxicos de actividade para Galicia, desde o das Tecnoloxías da Información e das Telecomunicacións (TIC) ata o alimentario, pasando polo da pesca e a acuicultura, o das enerxías renovables, o medioambiental, o audiovisual, o téxtil e o termal e incluíndo ámbitos de actividade de elevado potencial coma o nanotecnolóxico. Durante esta semana as empresas tiveron ocasión de entrevistar a varios xestores e xestoras cada unha para seleccionar o/a que máis se axustaba ás súas necesidades.
n
nOs xestores e xestoras de innovación que esta mañá recolleron os seus diplomas na Tecnópole completaron un intenso programa de 320 horas de formación especializada que os capacita para identificar proxectos e potencial de I+D+i nas empresas; analizar convocatorias de axudas públicas no ámbito da innovación; definir, planificar e documentar memorias de proxectos de I+D+i; e xestionar proyectos de innovación na empresa, individuais ou cooperativos. O seu traballo e os resultados que as empresas consigan a partir del serán obxecto dun seguimento continuado por parte da Consellería de Economía e Industria.
n
nA continuidade da axuda concedida ás pemes estará supeditada á presentación de resultados tanxibles ao remate do primeiro ano. Estes resultados mediranse tomando como referencia o número de proxectos de innovación identificados, o número de proxectos realizados e en execución e os resultados acadados grazas a estes.
n
nPioneiro a nivel estatal
n
nGuerra lembrou que a Rede XIGA é “unha iniciativa pioneira a nivel estatal” que xa “espertou o interese doutras comunidades autónomas” e sinalou que a filosofía de actuación deste programa, é dicir, dotar as empresas galegas de recursos de alto valor engadido para abordar, sistematizar e xestionar proxectos innovadores, é a que se plasmará de xeito prioritario no novo Plan Galego de I+D+I que entrará en vigor en 2011.
n
nAs expectativas do programa contemplan que as empresas contratantes de profesionais da Rede XIGA teñan acadado ao remate de 2012 un incremento do investimento en innovación dun 30%; un 50% máis de proxectos presentados a convocatorias competitivas de plans autonómicos, estatais e internacionais; e un aumento da facturación ligado á explotación dos resultados dos proxectos.
n
n
- Home
- Actualidade
- Os primeiros xestores de innovación de Galicia recollen os seus diplomas na Tecnópole
Os primeiros xestores de innovación de Galicia recollen os seus diplomas na Tecnópole
- Venres 15 Outubro 2010