Os participantes no programa Tecnópole emprende comezan a formarse para elaborar o seu plan de negocio

Tres emprendedores e cinco empresas xa en marcha asisten a partir de mañá mércores, 9 de abril, ao programa de formación da iniciativa ‘Tecnópole emprende’, promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia para darlle soporte á creación e consolidación de empresas de perfil innovador.
n
nOs tres emprendedores que participan no programa acaban de constituír legalmente as súas empresas co obxectivo de levar a cabo proxectos de I+D+I sobre os novos cultivos de oliveira que se están establecendo na provincia de Ourense como alternativa á videira; comercializar viño desalcolizado e enriquecido en polifenois; e desenvolver pulseiras ‘intelixentes’ para persoas con discapacidades auditivas.
n
nEstes novos empresarios, que recibirán formación personalizada para a elaboración do seu plan de negocio, optarán a un niño gratuíto no viveiro da Tecnópole durante os seis primeiros meses e terán todo o asesoramento necesario para enfocar a súa actividade con perspectivas de éxito, ademais de patrocinadores para o seu financiamento e para acceder gratis a equipamento informático e plataformas de comercio electrónico.
n
nAs outras cinco empresas participantes no programa serán formadas na validación da súa estratexia empresarial ou de novas liñas de negocio.
n
nA formación inclúe oito sesións presenciais intensivas que serán impartidas no Parque Tecnolóxico de Galicia ao longo dos meses de abril, maio e xuño e que irán acompañadas de titorías.
n
n Proxectos emprendedores
n
nInvatia Research vaise dedicar á I+D+I relacionada cos novos cultivos de oliveira que se están establecendo na provincia de Ourense como alternativa á videira, debido á problemática causada por todas as variacións en cultivos autóctonos por causa do cambio climático.
n
nA idea da súa promotora é que Invatia desenvolva liñas de investigación relacionadas con este cultivo, en colaboración coa Consellería de Medio Rural, as comunidades de montes e empresas produtoras da zona e contando coa participación das Universidades de Vigo e de Santiago de Compostela.
n
nOutra das iniciativas de negocio que entran no viveiro de empresas do Parque a través do ‘Tecnópole emprende’ é Raisin D’Or, nacida dun proxecto de investigación da empresa Tecnomiza.
n
nO seu obxectivo final é a comercialización de viño desalcolizado e enriquecido en polifenois con efectos demostrados sobre a saúde. Na investigación colaboran a Misión Biolóxica de Galicia (CSIC) e as Universidades de Vigo e de Santiago de Compostela. Neste momento estanse tramitando os permisos de comercialización para o produto.
n
nO terceiro proxecto emprendedor consiste en desenvolver unha pulseira con tecnoloxía bluetooth para facilitarlles a comunicación co seu contorno ás persoas con discapacidade auditiva. Dado que estas persoas teñen limitada a súa capacidade para a comunicación oral, a pulseira, dotada de sistema de vibración e pantalla, está deseñada para establecer comunicación sen fíos con calquera outro dispositivo dotado con bluetooth.
n
nNeste momento estase a planificar xa unha segunda fase de deseño para incorporarlle á pulseira unha memoria que permita o transporte e a transferencia de arquivos, mesmo sonoros e audiovisuais, mediante a conectividade sen fíos.