Os parques tecnolóxicos e as incubadoras de empresas españolas alíanse para impulsar o emprendemento innovador

A Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE), á que pertence Tecnópole, e a Asociación Nacional de Centros Europeos de Empresas e Innovación (ANCES) estableceron un acordo de colaboración co obxectivo de realizar de forma conxunta unha serie de actuacións encamiñadas a apoiar a iniciativa empresarial e aos emprendedores.

O acordo asinado entre ambas as dúas asociacións supón un novo impulso para o fomento e o apoio do emprendemento a nivel español, xa que, grazas a el, se vai desenvolver de forma conxunta un plan de formación para elevar a competitividade das empresas e os emprendedores do conxunto nacional, aproveitando a experiencia de ambas as dúas asociacións e a capilaridade destas para chegar a todas as empresas e entidades de España.

O obxectivo é detectar as necesidades dos emprendedores e empresas que poidan frear o seu desenvolvemento óptimo, como, por exemplo, na posta ao día das novas tecnoloxías e ondas de innovación e ofrecer formación adaptada a estas necesidades. Neste sentido, APTE representa a un colectivo formado por máis de 8000 entidades situadas nos seus 49 parques científicos e tecnolóxicos operativos e ANCES conta con 27 centros localizados en diferentes rexións. Ambos os dous colectivos van traballar conxuntamente, intercambiando información, participando na organización de actividades comúns e desenvolvendo as distintas accións que compoñen o plan de traballo que inclúe o convenio asinado esta mañá.

A sinatura do convenio tivo lugar no marco do XII Encontro Ibérico de Parques Científicos e Tecnolóxicos, evento organizado pola Universidade de Málaga e o Parque Tecnolóxico de Andalucía e que dende o ano 2002, APTE e a súa homóloga portuguesa TECPARQUES veñen promovendo co obxectivo de animar a colaboración entre os parques españois e portugueses e as súas entidades.

(Fonte: APTE)