O grande encontro español sobre I+D+i concluíu a semana pasada a súa oitava edición cun balance máis que positivo para a Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE), que acudiu acompañada de 27 parques procedentes de 12 comunidades autónomas, entre os que se atopaba Tecnópole.
APTE aproveitou o grande escenario que representa Transfire para presentar a súa grande aposta pola tecnoloxía blockchain, na que actualmente está a traballar, co obxectivo de crear unha rede privada entre os parques científicos e tecnolóxicos españois formada, nunha primeira fase, por 13 nodos e 130 empresas.
O proxecto foi presentado na mesa “Fintech: Blockchain” da man de Francisco Benítez, coordinador do grupo de traballo de blockchain en APTE. “Dentro do ecosistema de I+D+i que representan os parques científicos e tecnolóxicos contamos con talento que podería utilizar as DLTs para progresar e ser disruptivos no seu ámbito”, sinalou.
A Asociación celebrou tamén a I Asemblea Xeral do ano na que se deron a coñecer os primeiros resultados de APTEFORMA, a plataforma de formación online sobre tecnoloxías disruptivas posta en marcha para contribuír así á transformación dixital e a promoción do talento dixital no ámbito dos parques científicos e tecnolóxicos.
En poucas semanas dende a súa posta en marcha, a plataforma rexistrou 40 parques, 64 empresas e 173 persoas. Para 2019, APTE marcouse como obxectivo alcanzar os 5000 usuarios e que o 50% dos parques membros a utilicen.
Hubs dixitais
Así mesmo, a Asociación organizou un encontro conxunto e aberto ao público entre os parques científicos e tecnolóxicos e os responsables de ENISA e o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.
Jordi linares, subdirector xeral de Dixitalización da Industria e Ámbitos Colaborativos e responsable dos Digital Innovation Hubs no Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, fixo referencia ao liderado español na creación de DIHs. “O centro dos DIHs ten que enfocarse nas pequenas e medianas empresas”, apuntou. Posteriormente, os membros de APTE catalogados como DIHs presentaron as principais características polos que recibiron esta catalogación.
Pola súa parte, o conselleiro delegado de ENISA, José Bayón, comentou os obxectivos marcados pola entidade para apoiar pequenas e medianas empresas con potencial de transformación. “Ademais de financiamento, temos que ser capaces de orientar a innovación cara aos retos reais da nosa sociedade”, sinalou.
Jordi García, director de operacións de ENISA, tamén incidiu neste aspecto: “buscamos ámbitos de oportunidade nos que haxa negocio, pero que á vez respondan a unha demanda social”.
Á súa vez, os parques presentes participaron na reunión explicando que actividades están a levar a cabo para promover a innovación na peme.
APTE interveu, ademais, na mesa de financiamento público coa participación de Itziar Epalza, vicepresidenta de APTE e directora xeral da Rede de Parques Científicos e Tecnolóxicos do País Vasco, que destacou o traballo dos parques para xerar un ecosistema de coñecemento e talento.
Para finalizar, APTE tivo un papel protagonista na Xornada “Comunicar a Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación” organizada pola Asociación Española de Comunicación Científica (AECC). A súa iniciativa Ciencia e Tecnoloxía en feminino foi presentada como caso de éxito de comunicación a analizar entre os participantes. O proxecto Ciencia e Tecnoloxía en feminino ten como obxectivo elevar a porcentaxe de alumnas que elixen estudos STEM en educación secundaria.
(Fonte: APTE)