Os novos brazos robóticos de PSA revolucionan a automoción galega

Traballan a tres quendas ou ás que faga falta, non necesitan parar para tomar o bocadillo, e teñen cero absentismo laboral. A súa única traba é que necesitan un humano ao seu lado para ser efectivos. Son os UR10, a nova xeración de robots colaborativos de PSA, que elixiu o centro de produción de Vigo como un dos primeiros para iniciar o seu despregamento por todo o grupo.

O segundo maior fabricante de automóbiles de Europa, obsesionado con aumentar o rendemento das fábricas e reducir os custos de produción, apostou polos brazos intelixentes máis avanzados desenvolvidos por Universal Robots como parte do plan para conseguir “a fábrica excelente”.

Así é o novo robot de PSA

Os resultados do novo sistema de ensamblaxe robótica inclúen a mellora da ergonomía dos traballadores e o aforro de custos de entre 2 e 8 euros por vehículo, o que en fábricas moi produtivas como a galega pode supoñer un aforro de 3,6 millóns de euros ao ano (sobre unha media de 450.000 unidades).

“Eliximos o robot UR10 polo seu alcance, facilidade de programación e seguridade, e estamos moi impresionados coa rapidez coa que esta iniciativa se amortizou”, explica Cedric Grandjean, especialista de ensamblaxe en fin de liña no Grupo PSA.

“Polo xeral, cando implementamos novos robots, esperamos unha perda inicial na produción, pero iso non sucedeu neste caso. De feito, o noso retorno do investimento está a ser de entre 6 meses e un ano, dependendo da fábrica”, asegura o directivo.

PSA Sochaux, en Francia, que fabrica 400.000 vehículos ao ano, foi a primeira planta do grupo que incorporou á liña de ensamblaxe os UR10 para unha operación colaborativa exclusiva de aparafusado.

Neste caso, xa non é o traballador o que ten que situarse debaixo do coche. Os robots están montados sobre unha plataforma móbil que se sitúa baixo o vehículo en produción. Os operarios colocan o automóbil no seu lugar e o brazo robotizado manexa a operación de aparafusado, ergonomicamente arriscada baixo o coche, mentres os traballadores continúan con outras tarefas de montaxe.

Os enxeñeiros de PSA tardaron 8 mes en programar os robots en Sochaux. Agora esta tecnoloxía avanzada estase a implantar nas demais fábricas francesas e chega tamén a PSA Vigo.

“A industria do automóbil foi a pioneira en utilizar robots, pero a maioría destas aplicacións de automatización están na parte pesada da produción de carrocerías e pinturas, mentres que a ensamblaxe aínda utiliza man de obra,” explica Jacob Pascual-Pape, xerente de operacións para o sur de Europa en Universal Robots. “Iso fai que esta aplicación sexa innovadora. Agora, UR10 está a asumir tarefas como o aparafusado na liña de ensamblaxe, aliviando así os empregados de traballos ergonomicamente desfavorables, que tampouco poden facer os robots industriais convencionais”, aclara o directivo.

Máis produción e máis emprego

Di a multinacional que a robotización, lonxe do que puidese parecer, incrementou sensiblemente o número de postos de traballo. ¿Por que? “Porque a automatización axudounos a ter un persoal máis competitivo, a aumentar os nosos pedidos e a producir máis”, explica o grupo. “O resultado foi máis quendas de traballo, máis horas de produción e, en consecuencia, maior emprego” di a multinacional que, nos últimos tres meses incrementou en Vigo o seu equipo en case medio millar de traballadores (rolda os 6500), necesarios para o programa de lanzamentos no que se atopa inmersa.

(Fonte: La Voz de Galicia)