Os mozos galegos son, xunto cos de Castela e León os máis emprendedores de España

Os mozos galegos son, xunto cos de Castela e León, os máis emprendedores do Estado, aínda que o 33,4% considera que ser funcionario é a mellor opción de futuro.

Así o revela o Informe Young Business Talents sobre as actitudes e tendencias dos mozos preuniversitarios, que reflicte que os mozos españois son os europeos que máis consideran ser funcionarios como mellor opción de futuro, cun 32%, por enriba do resto dos países do sur de Europa: os italianos (17%), os gregos (13%) e os portugueses (11%).

No caso de Galicia, o 33,4% dos mozos desta Comunidade considera o sector público por conta allea a mellor opción de traballo no futuro, levemente por enriba da media nacional. Non obstante, o 37,9% cre que a opción máis vantaxosa é o traballo por conta propia, o que converte estes mozos nos máis emprendedores do Estado por detrás dos de Castela e León (38,3%). A media nacional neste índice sitúase no 34,8%.

Segundo este informe, a opción menos desexada polos mozos preuniversitarios galegos é o traballo por conta allea no sector privado, polo que se decantan o 28,7%, fronte á media do 33,4% a nivel nacional.

En canto ao sector económico preferido, o 44,8% decántase por servizos públicos, o 38,6% por servizos privados, o 12,8% por sector industrial e o 3,7% por agricultura e gandería.

Mobilidade

O 88% dos mozos galegos afirma que aceptaría desprazarse a outra cidade ou a outro país para mellorar o seu futuro, en consonancia coa media nacional, que se sitúa no 89%.

Así, o 27,6% sinala que, de non traballar en España, lle gustaría facelo en Estados Unidos, o 17,6% en Reino Unido, o 11% en Alemaña, o 10,2% en Francia e o 5,5% en Italia. En relación ás cidades, a maior porcentaxe (21,1%) decantaríase por saír de Galicia para traballar en Madrid, mentres que o 12,8% o faría para irse a Londres e o 12,2% para desprazarse a Nova York.

O informe foi realizado por Nivea, Esic e Vodafone Yu, organizadores do torneo Young Business Talents, con 7142 mozos estudantes preuniversitarios de entre 15 e 21 anos cursando os estudos de 4º de ESO, 1º e 2º de bacharelato e ciclos medios e superior de formación profesional.

(Fonte: Europa Press)