Un chicle que alimenta formulado por estudantes de Ourense; un coche eléctrico completo e un semáforo intelixente que favorece aos peóns cando chove deseñado por alumnos de Santiago de Compostela; unha cociña solar low cost para países subdesenvolvidos construída por rapaces de Vigo; e un identificador de matrículas de coches de última xeración creado por estudantes de Lugo. Estes son só algúns dos 50 enxeños e proxectos de investigación procedentes das catro provincias galegas que os estudantes de Secundaria e FP participantes na ‘Galiciencia’ comezaron a mostrar hoxe ao público desde os seus stands na Tecnópole – Parque Tecnolóxico de Galicia (Ourense).
n
n
n
n
Arredor de 2.200 escolares visitan entre hoxe e o vindeiro venres a maior feira científica de Galicia, aos que se suman os asistentes que se achegan pola súa conta, principalmente familias en horario de tarde, dado que o evento é de entrada libre.
n
n
A maior feira científica de Galicia é unha das 20 actividades de referencia da Semana da Ciencia en España segundo a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), patrocinadora do evento xunto coa Consellería de Economía e Industria.
n
n
En total están sendo expostos 20 proxectos da provincia de Pontevedra (17 de Vigo e outros tres de e Cangas do Morrazo e Ponteareas), 16 de varias localidades de Ourense (Cea e Pereiro de Aguiar, ademais da capital), 8 da provincia da Coruña (Santiago, Ferrol e Narón), 4 de Lugo (capital e Ribadeo) e 2 de Barcelona. Entre eles figuran varios realizados polos equipos participantes nas Aulas Tecnópole, un proxecto piloto de adestramento en habilidades innovadoras promovido polo Parque Tecnolóxico de Galicia.
n
n
Xunto cos enxeños, que inclúen tamén un simulador de tornados e unha bolsa térmica con illantes naturais (arroz, cacahuetes, etc.), preséntanse multitude de estudos e proxectos científicos sobre áreas de coñecemento moi variadas.
n
n
A alimentación é un dos temas estrela este ano. Alumnos de Ourense realizaron un estudo sobre os aditivos alimentarios e buscaron fórmulas para substituír os químicos por outros máis naturais, coa proposta de usar o extracto de remolacha como substituto do colorante vermello E-122. Outro equipo de estudantes viguesas confirmou mediante varios experimentos que a recomendación de lavar a froita antes de comela é non só necesaria, senón máis importante do que podemos pensar.
n
n
A proposta de sistemas enerxéticos máis sostibles e ecolóxicos volveu ser o tema central de varios dos proxectos. Ao sistema de vivenda bioclimática desenvolvido por alumnos de Narón (A Coruña) súmanse o climatizador de baixo custo enerxético de estudantes ourensáns e un biorreactor para cultivo de microalgas e produción de biodiésel dun dos equipos de Vigo.
n
n
A busca de solucións para problemas moi preocupantes coma a recuperación dos solos queimados nos incendios ou a sequía concentran as propostas de varios equipos. Ademais dun desalinizador solar de auga, preséntase un interesante experimento sobre a utilidade dalgúns minerais capaces de almacenar substancias nutritivas para as plantas en cultivos de zonas áridas. Estudantes das Aulas Tecnópole buscaron un método para acelerar a recuperación de solos queimados.
n
n
A conciencia solidaria dos participantes queda clara tamén a través de proxectos coma o do quentador solar de auga ou outros dous relativos á construción de cociñas e fornos solares, pensados por estudantes de Vigo e de Narón (A Coruña) para ofrecer solucións enerxéticas de baixo custo aos habitantes de países subdesenvolvidos.
n
n
A investigación sociolóxica ten tamén o seu oco na ‘Galiciencia’. Un dos equipos de Barcelona reflexiona sobre a agresividade e outro das Aulas Tecnópole sacaron conclusións sobre a distribución de redes wifi nunha poboación.
n
n
Ademais, a Fundación Barrié participa cun stand propio no espazo da feira, organiza o ‘Gran xogo da ciencia’ e ofrecerá unha charla para que os docentes coñezan a canle ‘educaBarrié’.
n
n
Conmemoración do 20 aniversario
n
n
Este ano a Tecnópole celebra o seu 20 aniversario e, para celebrar a ocasión, está a entregar gratuitamente un exemplar do libro “Dos quarks á proxima extincion. Unha viaxe fascinante pola historia do Universo e a vida” a todos os participantes e visitantes da ‘Galiciencia’. A obra, editada pola Xunta de Galicia, foi presentada esta mañá polo seu autor, Pedro José Cascajosa, e o seu editor científico, Xurxo Mariño. Trátase dun apaixonante relato que pretende dar resposta a unha das grandes cuestións asociadas á nosa existencia: de onde vimos e a onde imos?
n
n
Esta mañá arrancaron tamén todas as actividades paralelas á exposición de proxectos, que inclúen un taller conmemorativo do Ano Internacional da Enerxía Sustentable para Todos; e outro sobre a figura do químico Antonio Casares, homenaxeado este ano no Día do Científico Galego. Tamén se imparte un obradoiro dedicado ao cerebro e outro sobre a relación entre o cine e a ciencia. As actividades complétanse cun planetario móbil e un taller de xornalismo científico que terá como resultado a edición da revista oficial da ‘Galiciencia’.
n
n
n