Os incentivos baseados na produtividade impóñense no futuro das retribucións salariais

Os incentivos salariais baseados na produtividade individual dos traballadores impóñense no futuro das retribucións, en substitución dos convencionais incrementos referenciados na inflación. Así o explicou Octavio Garrido, director de desenvolvemento de negocios de IMP Consultores, na charla que deu este martes en Tecnópole ante un nutrido grupo de empresarios.

Segundo este experto, os principais factores a ter en conta no deseño e implantación dun sistema de incentivos en función da produtividade dependen principalmente do definidos e estandarizados que teña unha empresa os seus procesos produtivos, do capacitado e formado que teña o seu persoal e dun robusto e completo sistema de información e control.

Tal e como expuxo Garrido durante a súa charla, estes sistemas benefician ás empresas porque “aliñan os intereses de todos, dende a dirección ata os empregados, melloran o sentimento de equipo, aumentan a motivación e optimizan os resultados da empresa ao recompensar a calidade e o valor achegado”.

Sobre o nivel de implantación que teñen estes sistemas en España, asegurou que vai en aumento, xa que non se enmarcan unicamente no sector industrial, senón tamén no de servizos. “Ademais, melloran a imaxe da empresa para os seus empregados ao ser un sistema win-win, no que o beneficio propio redunda no beneficio xeral”, explica.

IMP Consultores é a matriz de Senda Lean, que se instalou a principios de ano en Tecnópole co obxectivo de ofertar solucións personalizadas a empresas que precisan mellorar a súa produtividade para ser máis competitivas. Segundo os seus promotores, mediante unha metodoloxía que intervén introducindo a innovación sobre todos os procesos e operacións da empresa, conséguese optimizar o rendemento e a eficacia do traballo.