Segundo este experto, os principais factores a ter en conta no deseño e implantación dun sistema de incentivos en función da produtividade dependen principalmente do definidos e estandarizados que teña unha empresa os seus procesos produtivos, do capacitado e formado que teña o seu persoal e dun robusto e completo sistema de información e control.
Tal e como expuxo Garrido durante a súa charla, estes sistemas benefician ás empresas porque “aliñan os intereses de todos, dende a dirección ata os empregados, melloran o sentimento de equipo, aumentan a motivación e optimizan os resultados da empresa ao recompensar a calidade e o valor achegado”.
Sobre o nivel de implantación que teñen estes sistemas en España, asegurou que vai en aumento, xa que non se enmarcan unicamente no sector industrial, senón tamén no de servizos. “Ademais, melloran a imaxe da empresa para os seus empregados ao ser un sistema win-win, no que o beneficio propio redunda no beneficio xeral”, explica.
IMP Consultores é a matriz de Senda Lean, que se instalou a principios de ano en Tecnópole co obxectivo de ofertar solucións personalizadas a empresas que precisan mellorar a súa produtividade para ser máis competitivas. Segundo os seus promotores, mediante unha metodoloxía que intervén introducindo a innovación sobre todos os procesos e operacións da empresa, conséguese optimizar o rendemento e a eficacia do traballo.
(Fonte: IMP Consultores)