Os gañadores da Galiciencia da Tecnópole levan o seu sistema antiincendios á Exporecerca Jove de Cataluña

Os investigadores mozos do Instituto Guillelme Brown, do concello ourensán de Pereiro de Aguiar, viaxan a Barcelona para participar a partir de mañá venres na IX Exporecerca Jove, unha exposición interactiva de traballos de investigación realizados por rapaces de entre 12 e 24 anos procedentes de diversos lugares de España e de todo o mundo.

O equipo de participantes galegos gañaron o segundo premio da Galiciencia, a feira da ciencia galega organizada pola Tecnópole e financiada pola Consellería de Innovación e Industria a finais de 2007, cun sofisticado sistema antiincendios baseado na instalación da calefacción que se atopa en proceso de patente e que será visible en Cataluña para rapaces de toda España e outros países coma Bélxica, Brasil, Grecia, Turquía e Eslovaquia.

“Trátase de instalar unhas conducións no teito con detectores de fume incorporados que, en canto se activan, soltan o vapor dos tubos da calefacción e apagan o lume”, explica Alicia Vázquez, estudante de cuarto da ESO e representante do grupo de investigadores do Instituto Guillelme Brown.
 
A participación dos equipos galardoados durante a Semana da Ciencia organizada polo Parque Tecnolóxico de Galicia na Exporecerca Jove é xa unha tradición. A mostra está organizada pola asociación Magma e terá lugar os días 3, 4 e 5 de abril no recinto da CosmoCaixa, en Barcelona.

O proxecto dos alumnos do Guillelme Brown competirá cun cento de traballos para conseguir como premio o pagamento da participación noutras mostras parecidas de carácter internacional, coma a Mostratec en Brasil ou a ExpoScience Europe (ESE) en Budapest.