Os fracasos tecnolóxicos do 2014

Os maiores fracasos tecnolóxicos do ano pasado desvelan algunhas das razóns máis típicas para non conseguir o éxito como a escasa aceptación do público.

Ter éxito significa que unha tecnoloxía resolve un problema, xa sexa instalada en mil millóns de smartphones ou usada por uns cantos científicos facendo un traballo especializado. Pero moitas tecnoloxías, pode que a maioría, non teñen éxito. Habitualmente porque non logran conseguir a escala de adopción que conseguiría que fosen relevantes. As razóns do fracaso non son predicibles. En 2014 vimos como tecnoloxías prometedoras acabaron desaparecendo por decisións do Tribunal Supremo, polas cámaras de televisión, pola opinión pública e mesmo por estudantes universitarias mentireiras.

Google Glass

En 2012, Google presentou Glass en sociedade, unhas lentes computerizadas capaces de mostrar ao portador mapas e correos e sacar fotos e vídeos do que estivese a mirar. Pero para finais deste ano, as esperanzas de que o ordenador portátil, que custa 1500 dólares (uns 1200 euros) fose un éxito de vendas estaban polos chans. A metade dos desenvolvedores de aplicacións consultados por Reuters deixaron de traballar en aplicacións para Glass e a presentación pública de Google Glass pospúxose ata o ano que vén. Mesmo o visionario do produto, o cofundador de Google, Sergey Brin, empezou a aparecer en público sen elas postas como adoitaba facer.

Un usuario confesou a MIT Technology Review que era unha experiencia moito menos útil do que se esperaba: “Deime conta de que non servía para gran cousa e tendían a molestar os que me rodeaban cando as levaba postas”. Glass aínda pode atopar o éxito para aplicacións nicho.

O exoesqueleto EEG de Brasil

Conseguir que un paralítico levantásese dunha cadeira de rodas, saíse a un campo de fútbol e fixese o saque inaugural do Mundial de 2014. Este era o ambicioso plan ideado polo experto en interfaces mente-máquina Miguel Nicolelis, un profesor da Universidade de Duke (EEUU). Tras conseguir 15 millóns de dólares (uns 12 millóns de euros) do goberno de Brasil, o seu equipo deuse présa por construír e poñer en marcha un exoesqueleto robótico movido polos pensamentos do usuario.

Este plan era demasiado audaz. Esixía recoller os sinais cerebrais cun casco de electroencefalografía. Pero os sinais producidos desta forma non son o suficientemente bos como para controlar un exoesqueleto. As cámaras do mundial enfocaron a demostración durante a cerimonia de apertura durante tres segundos, o suficiente para ver un balón de fútbol rodar por unha rampla e a un paralítico asistido por dúas persoas levantando os puños en triunfo. Nicolelis declarou que “17 meses de traballo de loucura” tiveran éxito. Pero para os espectadores de televisión aos que lles interesase a tecnoloxía, ou para aqueles que a vían por primeira vez, era difícil saber que pasara. En vez de ver un home levantarse dunha cadeira de rodas e camiñar, o exoesqueleto parecía conseguir a tarefa máis sinxela de facer avanzar un pé para darlle a pelota.

Bitcoin

Supoñíase que este ía ser o grande ano de Bitcoin. Pero o que pasou é que parece que a moeda electrónica se está a estancar. O valor dun bitcoin caeu un 62% a uns 310 dólares (uns 248 euros) dende xaneiro de 2014 e o que é máis preocupante para este diñeiro matemático é que só se está a usar para mover a mesma cantidade de diñeiro que hai un ano, uns 60 millóns de dólares diarios (uns 48 millóns de euros).

A idea de Bitcoin segue sendo intrigante, unha moeda entre pares sen controlador central, transmitida instantaneamente a calquera parte e movida por un enxeñoso motor criptográfico. Pero na práctica o diñeiro parécese máis a unha trama Ponzi que atrae especuladores e se converteu no método de pagamento preferido polos cibercriminais profesionais.

Bitcoin tamén se ve asediado polo feito de que a primeira aplicación de éxito relacionada coa moeda é unha forma doada de comprar droga en liña. O ano pasado as autoridades contribuíron a facer detencións e en novembro o servizo dos U.S. Marshals fixo unha poxa de 50.000 bitcoins, cun valor duns 19 millóns de dólares (uns 15 millóns de euros), incautados a traficantes de drogas.

Bitcoin conta con ardentes defensores. Pero unha moeda que só poden usar unhas poucas persoas non pode considerarse un éxito.

Células STAP

En xaneiro do ano pasado un equipo en Xapón e outro na Universidade de Harvard (EEUU) publicaron dous artigos de alto perfil na revista Nature onde afirmaron que podían converter calquera célula nunha célula nai simplemente bañándoa en ácido (as siglas do método STAP en inglés son as de adquisición de pluripotencia disparada por estímulos).

A receita doada e rápida parecía demasiado boa para ser verdade e éraa. Cando outros laboratorios non conseguiron replicar o proceso quedou claro que os resultados os fabricara unha investigadora nova e ambiciosa. En agosto, o seu xefe, Yoshiki Sasai, un recoñecido investigador xaponés en células nai de 52 anos do instituto Riken de Xapón suicidouse tras afirmar que o avergonzaran. Non é a primeira vez que un descubrimento relacionado coas células nai resulta ser unha montaxe. Pero a bióloga do Instituto de Investigación Scripps (EEUU) Jeanne Loring afirma que non hai máis fraude no campo das células nai que noutros. E que o colapso desta prometedora tecnoloxía se debe á presión crecente por publicar resultados impresionantes, algo que afecta a toda a bioloxía.

Pantallas de iPhone de zafiro

O iPhone 6 desvelado por Apple en setembro era máis grande, depurado e potente que os modelos anteriores, pero non tiña a pantalla feita de zafiro, un cristal transparente que Apple esperaba fose un éxito cos consumidores dos seus teléfonos de 700 dólares (uns 560 euros).

O plan de Apple de investir mil millóns de dólares (uns 800 millóns de euros) para introducir pantallas máis duras saíu mal cando construíu unha nova fábrica de zafiro antes de que a tecnoloxía subxacente estivese completamente controlada. Para fabricar o material contratou a GT Advanced Technologies, un desenvolvedor de innovadores fornos para producir cristais de zafiro. Pero a empresa non tiña experiencia producindo cristais en cantidades comerciais nin en cumprir coas duras esixencias de prazos de Apple.

Ao longo do verán, os problemas non fixeron máis que crecer. Os grandes e pesados bloques de zafiro necesarios para as pantallas de teléfono (o zafiro xa se usa nalgúns reloxos de luxo e para cubrir a cámara do iPhone) téñense que cociñar un mes dentro dun forno selado, pero moitos saíron rotos. E tampouco se chegou a resolver como tallar os bloques para crear os cristais.

O final non foi demasiado agradable. GT presentou a bancarrota e agora as empresas están a poñer denuncias mutuamente. GT afirma que Apple lla xogou e Apple á súa vez afirma que GT non conseguiu producir “ningunha cantidade significativa de zafiro utilizable”.

As diminutas antenas de Aereo

Un feito curioso: a televisión comercial é gratuíta, o sinal está en todas partes, pero non podes vela nin no teu teléfono nin no teu PC. Unha start-up chamado Aereo imaxinou unha forma de combinar diminutas antenas e un gran baleiro legal para resolver ese problema. Por 10 dólares ao mes (uns 8 euros), a empresa activaba unha antena do tamaño dunha moeda nas súas instalacións, capturaba os sinais de televisión e enviábaos a través da web ao teu teléfono. “A túa antena, o teu sinal,”, era a idea.

Pero os emisores, entre eles ABC e CBS non perderon o tempo en poñer unha denuncia e afirmaron que Aero debía pagar “dereitos de retransmisión” igual que fan os provedores de televisión por cable. O caso chegou ata o Tribunal Supremo, onde en xuño os xuíces se aliaron seis contra tres cos emisores.

Aereo non tiña un plan B e dende entón quebrou. Agora a súa páxina web mostra unha mensaxe de despedida relevante para todos os innovadores, fracasados ou non: “Con tantos cambios e avances na tecnoloxía, nunca houbo un momento mellor para arriscarse, retar ao estatus quo e construír algo especial… Mantivémonos fieis á nosa misión e cremos que tivemos un papel importante en axudar a forzar un cambio positivo na industria para os consumidores”.

E efectivamente, dende o caso no Tribunal Supremo, CBS anunciou que empezaría a ofrecer os seus programas a través da web por 6 dólares ao mes (uns 4,8 euros). Parece que despois de todo poderemos ver a tele nos nosos móbiles.

(Fonte: Technology Review)