Os ferrocarrís alemáns de longa distancia serán autónomos en 2023

Nalgúns puntos da zona este da rede ferroviaria alemá estanse a facer ensaios con ferrocarrís autónomos que ao igual que no caso dos coches e segundo predín os expertos, será a clave da mobilidade nun futuro non moi afastado.

O director xeral de ferrocarrís do país xermano anunciou que a Deutsche Bahn, a rede nacional de trens operará en determinados sectores con vehículos de plena autonomía, como máximo para o ano 2023.

A tecnoloxía que se aplica aos trens de longa distancia autónomos difire moito da que se emprega para outros vehículos de transporte urbano ou suburbano, como son os trens de proximidades ou os metros, moitos dos cales xa están a operar en moitas cidades do mundo.

Neste último caso, a maior parte de tecnoloxía e os controis para a condución autónoma está incrustada na infraestrutura ferroviaria e depende dun controlador centralizado que está en constante comunicación con todos os trens, pero os vagóns en si mesmos non teñen moita máis “intelixencia” que a de obedecer e en realidade non funcionan de forma autónoma.

Este enfoque non é viable para as redes de longa distancia, xa que actualizar miles de quilómetros da rede con controladores e sensores sería moito máis custoso. Polo tanto, a maior parte da intelixencia e a tecnoloxía ten que ir dentro da locomotora.

Isto implica que para que os trens de longa distancia poidan ser totalmente autónomos deben estar equipados con sensores e algoritmos que son moi similares aos utilizados nos coches autodirixidos.

Maior capacidade, menores custos

A vantaxe dos trens autodirixidos non radica tanto na redución de custos senón en que co seu emprego se podería aumentar a capacidade da rede porque os trens poden funcionar con frecuencias máis altas e a distancias máis curtas.

Isto tamén aumenta a flexibilidade das solucións de transporte ferroviario e fai posibles novos servizos. Estas capacidades son esenciais se os ferrocarrís queren sobrevivir fronte á intensificación da competencia de automóbiles, camións e autobuses totalmente autónomos.

Os sindicatos alemáns criticaron inmediatamente estes plans alegando que haberá perdas de empregos. Pero segundo o director da Deutsche Bahn o problema é que non entenden que o transporte por estrada totalmente autónomo constituirá un enorme desafío para os ferrocarrís e que o país debe facer todo o posible por acelerar a introdución de trens de longa distancia autónomos.

(Fonte: Axencias)