n
n
Reforzando esta idea, Josep Ballesta, socio fundador de Dream Decide, insistiu en que a creatividade é fundamental para a innovación e en que antes de aplicala se debe ter clara cal é a meta que queremos alcanzar, e investigar en profundidade as actitudes e necesidades do consumidor ao que nos diriximos.
Por outra banda, Emilio Martínez, xefe de proxecto da Área de Innovación de Serviguide, explicou como sistematizala e recomendou integrar o proceso creativo nas organizacións empresariais, xa que esta medida permitirá mellorar os resultados. “É necesario sensibilizar ao conxunto da compañía coa necesidade de innovar, implantar ferramentas que fomenten a xeración de ideas e dirixir a creatividade a conseguir retos concretos aliñados coa estratexia da entidade”, afirmou.
Aplicacións empresariais
Trasladar á sociedade a utilidade da nanotecnoloxía facéndoa tanxible é o principal reto ao que se enfronta a spin-off da Universidade de Santiago de Compostela Nanogap. Tal e como expuxo o seu responsable de Innovación, Daniel Fernández: “a creatividade é a única forma que a compañía ten para relacionarse co mundo real. O desenvolvemento de nanopartículas de prata, por exemplo, non tería sentido se non atopásemos unha aplicación como a produción de pantallas táctiles flexibles”.
Carlos Roca, director de Innovación e Desenvolvemento de Castrosúa, compartiu cos asistentes o proceso de I+D levado a cabo para a fabricación do autocar urbano híbrido “Tempus”, un proxecto que lles permitiu pasar de ser fabricantes de carrocerías a construtores de vehículos. Este modelo, que comezou a xerarse no ano 2005, foi incorporando diferentes innovacións para facelo máis seguro, sustentable e accesible. Partindo dun autobús que funciona con biodiesel conseguiron desenvolver diferentes versións con gas natural comprimido e autogás.
Óscar de Castro, representante da Axencia Galega da Creatividade, pechou a xornada explicando a importancia que o pensamento creativo ten no mundo publicitario, que necesita unha renovación constante para poder transmitir emocións que impliquen o público co que se lle está a ofrecer. “Só así conseguiremos obter bos resultados”, concluíu.
(Fonte: Centro de Excelencia de Vigo)