Os expertos aseguran que a madeira permite obras de precisión e máis sostibles

No Día Mundial da Arquitectura, a Federación empresarial de serradoiros e rematantes de madeira en Galicia (Fearmaga) quixo romper unha lanza en favor das construcións en madeira. Por iso pediu a expertos da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSAC) que expliquen o impacto que a construción con este tipo de material está a ter no seu campo. Nun vídeo, feito público a través das redes sociais, varios profesores recoñecen que o uso da madeira na construción é cada vez maior e que iso xera obras cada vez máis sustentables e que camiñemos cara a unha arquitectura de maior precisión.

«A construción tradicional, de armazóns sinxelas e madeira aserrada é unha opción que sempre estivo aí. Con todo, hoxe en día, a madeira tecnificada permitiu abrir o abanico a múltiples opcións que tamén deben ter en conta un deseño adecuado ás necesidades», explica Javier Estévez, catedrático de Estruturas na ETSAC.

Fachadas ou estruturas están a realizarse xa con madeira tratada con técnicas como o termotratado ou o acetilado, e con taboleiros que melloran a durabilidade da madeira, asegura. «Hai moitos produtos tecnificados que mesmo melloran as prestacións de elementos como o aceiro ou o formigón», conclúe. A iso hai que sumarlle as vantaxes ambientais que ten o uso deste produto. «Se estamos coa idea de sustentabilidade debemos potenciar o consumo de madeira local e Galicia ten unha enorme oportunidade neste contexto».

Pola súa parte, José Antonio Vázquez, profesor da ETSAC, explicou que a tecnoloxía empregada na construción madeira está a permitir a implantación dun novo modelo de traballo para os arquitectos. «É unha arquitectura de precisión, onde o proxecto arquitectónico debe estar máis definido», engadiu. De feito, esta escola está a promover unha formación para que os futuros arquitectos estean capacitados no manexo de ferramentas de modelado arquitectónico baseadas na metodoloxía BIM. «É unha nova forma de traballo na que o arquitecto poderá conectar o seu proxecto para lograr a súa fabricación mediante o emprego de maquinaria de control numérico especializada», sinala.

«A madeira vai esixir como ningún outro material a colaboración, o traballo multidisciplinar, pero tamén o reto da especialización técnica de moitas profesións, desde a selvicultura, a transformación, o proxecto arquitectónico e a súa especialización», engadiu Félix Suárez, profesor da mesma escola.

Todas estas reflexións foron recollidas nun documento audiovisual que foi desenvolto coa colaboración de XERA, a Axencia Galega da Industria Forestal, co fin de difundir o valor dos produtos elaborados con madeira.

Fonte: La Voz de Galicia