Prolongan a vida dos produtos, axudan a reducir os refugallos alimentarios, utilizan unha menor cantidade de material e minimizan o impacto ambiental: son os envases activos e intelixentes, cuxa implantación en España é aínda incipiente.
Nacen como alternativas ao plástico convencional, que representan o 30% do lixo que xera a diario un cidadán, afirman nunha entrevista con EFE Mercedes Hortal, directora de Nuevos Materiales e Nanotech do Instituto Tecnológico del Embalaje, Transporte y Logística (ITENE). “É unha gran cantidade de residuos”, “pero non hai que perder de vista que grazas a eles se evitan impactos como a perda de alimentos”, engade a enxeñeira agrónoma do centro de investigación, membro de Save Food, unha iniciativa que combate o desperdicio alimentario a nivel mundial.
Para reducir o impacto ambiental, tanto do envase coma do produto que contén, están a levar a cabo moitos desenvolvementos, que inclúen dende o uso de novos materiais renovables (fibras naturais, fundamentalmente) ata o emprego dos nanomateriais, “que son os que están a pegar forte no mercado”.
O nanomaterial (unha especie de aditivo que se embebe no plástico) “serve para utilizar a menor cantidade posible de material”, polo que son moito máis lixeiros pero manteñen as características das embalaxes convencionais”. Ao contrario deste material, os bio-polímeros si se están a aplicar a grande escala, aínda que España “non é un dos países modelos, noutros lugares si son habituais nos supermercados”. Adoitan ser produtos “algo máis caros” que os convencionais, xa que as empresas teñen que amortizar o investimento en I+D+i.
Hoxe, as principais tendencias de investigación agrúpanse en torno aos envases activos e intelixentes. Os primeiros, explica Hortal, “interactúan co produto de modo que lle proporciona, por exemplo, antifúnxicos ou antimicrobianos; o que permite que o produto dure máis tempo envasado en óptimas condicións e non se deteriore tan rápido”. Os envases intelixentes, por outro lado, non só protexen o contido senón que interactúan con el, permitindo que o consumidor obteña información do produto.
Son etiquetas de cor que indican a frescura ou humidade do produto; se a temperatura se viu manipulada en relación aos parámetros establecidos ou ben se se manipulou un artigo de alto valor engadido, caso dos cosméticos. “Os envases intelixentes non están implantados masivamente, senón que están moi orientados a produtos concretos e a súa tecnoloxía aínda non está depurada, mentres que os activos se empregan sobre todo en cosméticos”.
Por exemplo, un envase activo de carne podería ser aquel no que a almofada actual para conservar a humidade, xa non se vise. Non obstante, opina Hortal, os consumidores din unha cousa, pensan outra e fan outra distinta. “Se lle digo a un consumidor que ten un envase de nanomateriais xa esa palabra nin a entende e se enriba lle dis que interactúa cos produtos, non sei se o vai comprender; moitas veces o que se persegue é que o consumidor non detecte cambios”.
A educación, engade, non só debe centrarse na parte de reciclado e na xestión do residuos “senón tamén en ter a mente aberta ao uso duns materiais máis avanzados”. Antes de lanzar un produto, o instituto de investigación aplica unha fase de ecodeseño para conseguir a menor cantidade de material de envase e o menor espazo posible: transportar máis con menos.
Para iso simula tamén o proceso de transporte, dende que o produto se pon no palé ata que se coloca nun camión ou transporte marítimo. Pero, en definitiva, o mellor residuo é o que non existe, conclúe a directora de Nuevos Materiales y Nanotech do Instituto Tecnológico del Embalaje, Transporte y Logística.
(Fonte: EFE)