Os empresarios expoñen as súas últimas cuestións sobre as axudas á I+D+i de Innovación e Industria na Tecnópole

Un amplo número de empresarios galegos expuxéronlles esta mañá na Tecnópole as súas últimas dúbidas sobre os programas de apoio á I+D+i empresarial do Plan INCITE aos técnicos da Consellería de Innovación e Industria desprazados a San Cibrao das Viñas para explicar as liñas de subvención habilitadas para este ano.
 
A sesión informativa foi organizada polo centro tecnolóxico AIMEN, en colaboración coa Oficina de Financiamento de Proxectos do Parque Tecnolóxico de Galicia, no marco do seu Plan de Promoción e Transferencia Tecnolóxica. Logo da apertura da xornada a cargo do director xerente da Tecnópole, Ricardo Capilla, e do delegado de AIMEN en Ourense, Alberto Martínez, a exposición estivo a cargo dunha técnica de xestión do INCITE, Luisa Rodríguez, e dun xefe de servizo do SEGAPI (Servizo Galego de Propiedade Industrial e Vixilancia Tecnolóxica), Javier Ochoa.
 
Á xornada asistiron empresarios, técnicos e persoal de centros tecnolóxicos interesados nas posibilidades de financiamento dos seus proxectos de I+D, concretamente en relación aos Programas Sectoriais de Investigación Aplicada (PEME I+D e I+D SUMA) e aos Programas de Innovación Empresarial, que pecharán o prazo de solicitudes en quince días.
 
Máis de 60 millones
 
En total, os programas que se difundiron na xornada están dotados con máis de 60 millóns de euros, dos que máis da metade lle corresponden aos Programas Sectoriais, destinados a apoiar a investigación aplicada e o desenvolvemento precompetitivo nas tecnoloxías sectoriais, dinamizar o proceso innovador de I+D+I nas PEMES e impulsar os proxectos de máis impacto desenvolvidos por diversos axentes do sistema, nos que se prima a estratexia articuladora e o compromiso investigador.
 
As subvencións para o Fomento da Innovación Empresarial, dotadas con 23 millóns de euros, tratan de incrementar a competitividade das empresas mediante o estímulo da innovación nas organizacións en calquera punto da cadea de valor e en todos os procesos da empresa.
 
Outras das axudas que foron explicadas son as relativas ao Fomento da Propiedade Industrial, destinadas a fomentar a protección das invencións, deseños industriais e marcas de empresas, institucións sen fin de lucro e persoas físicas, cun orzamento de 825.000 euros.
 
Como novidade, este ano a Consellaría de Innovación e Industria convoca as subvencións para o Fomento do uso das deducións fiscais para actividades de I+D+i, cun orzamento de 600.000 euros, para proxectos destinados a adquirir a sistemática de uso das deducións fiscais ou para gastos derivados da solicitude de acordos previos de valoración dos gastos e investimentos correspondentes a proxectos de I+D+I ante a Administración Tributaria, entre outros.