Os empresarios da Tecnópole aprenden a manexar as ferramentas da internet 2.0 e a súa aplicación aos negocios

Unha ducia de empresarios da Tecnópole participaron durante a mañá de hoxe nun obradoiro sobre habilidades na internet 2.0 a cargo do experto en novas tecnoloxías Genís Roca. A sesión volverá repetirse para atender a elevada demanda de prazas que quedou sen cubrir por causa do carácter práctico da formación, que esixe un número reducido de asistentes.

O obxectivo do obradoiro é adestrar aos empresarios nas utilidades de negocio da nova internet, a denominada Web 2.0 ou internet participativa, e ter os coñecementos básicos para manexarse nela.

Tecnópole promove esta acción formativa, de carácter gratuíto para os asistentes, no seu compromiso polo fomento das novas tecnoloxías e a prestación de servizos avanzados de cara aos seus empresarios, neste caso coa convicción de que se están produciendo cambios no entorno dos negocio que están relacionados en gran medida con internet e que é importante estar ao día sobre eles.

Aprender a buscar información máis rápido e mellor en internet, manexarse coas suscripcións RSS, localizar as redes sociais con maior potencial e coñecer casos prácticos de éxito do uso destas tecnoloxías para facer negocio foron algunhas das claves que se puxeron ao alcance dos asistentes.

O obradoiro foi impartido por Genís Roca, consultor estratéxico en modelos de presenza na rede que desenvolve a súa actividade en grandes corporacións, institucións e gobernos de diferentes países. Foi director xeral de Infonomía, a rede decana de innovación en España, e antes foi xerente das Iniciativas en Internet e Community Manager da Universitat Oberta de Catalunya. Roca foi un dos ponentes na Conferencia Internacional de Parques Científicos e Tecnolóxicos organizada por Tecnópole en novembro de 2008.

(Fotografías dispoñibles en www.flickr.com/tecnopole)