Os emprendedores galegos poderán elaborar o seu plan de negocio co apoio on-line gratuíto da Tecnópole e da EOI

Os emprendedores galegos poderán acceder a formación e asesoramento personalizado on-line para elaborar o seu plan de negocio grazas ao programa de creación de empresas impulsado pola Tecnópole e impartido pola Escola de Negocios EOI, a primeira escola de dirección de empresas en España.

O programa, que comezará o vindeiro 5 de maio, será totalmente gratuíto para os participantes por estar cofinanciado pola UE a través do Fondo Social Europeo e polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio. Os emprendedores interesados teñen de prazo ata o vindeiro venres 25 de abril para inscribirse a través dun sinxelo formulario dispoñible en www.tecnopole.es.

Aínda que está aberto a futuros empresarios de calquera área, o curso está especialmente dirixido a ideas de negocio de base tecnolóxica. Durante 18 semanas, os seus promotores terán acceso a 280 horas lectivas on-line e a outras 160 horas de titorías. A formación baséase en conceptos prácticos e na atención individualizada a cada un dos emprendedores.

O elemento diferencial deste programa con respecto a outros é que o apoio non remata cando o emprendedor culmina o plan de negocio, senón que se mantén un seguimento continuo para apoiar tanto a posta en marcha como a consolidación da empresa.

 Reducir o risco de fracaso
 
As Pemes representan máis do 99% do tecido empresarial galego. Non obstante, máis da metade desaparecen durante o seu primeiro ano de vida, moi frecuentemente por falta dunha axeitada formación empresarial. Por este motivo, a Escola de Negocios EOI vén realizando proxectos de formación de emprendedores desde hai vinte anos que a finais de 2007 sumaban máis de 28.000 participantes e 13.000 empresas creadas ou consolidadas en España. A través dun convenio asinado recentemente, Tecnópole converteuse no socio de referencia da EOI en Galicia para trasladar esa experiencia ao ámbito do emprendemento do país.

Os contidos da formación comprenden a xestión práctica de Pemes nos seguintes ámbitos: política de empresa, márketing e comercialización, loxística e operacións, finanzas, recursos humanos, fiscalidade e calidade. A continuación abordarase o desenvolvemento do proxecto empresarial cunha titorización activa e individualizada que acompañará ao emprendedor ao longo dun ano enteiro para reducir ao mínimo o risco de fracaso na aventura empresarial.