A empresa galega, situada no Parque Tecnolóxico de Galicia, empezará a traballar neste novo proxecto en marzo, tal e como concreta o seu xerente, Jaime Pereira. A primeira fase do contrato é de un “millón de euros” e o equipo de Aerocámaras realizará servizos de inspección técnica con drons incluíndo “piloto, operador de cámara e un enxeñeiro”. O xerente non oculta a súa satisfacción por esta nova rúbrica que permite ampliar a súa área de traballo nun mercado clave no sector das novas tecnoloxías.
Ademais de dar o salto a Estados Unidos, actualmente os drons da empresa galega tamén están presentes en Oriente Medio, onde se están formalizando outros contratos que tamén esixen confidencialidade. A intención da marca galega é continuar expandíndose ao longo do mundo cos últimos avances tecnolóxicos e grazas a un equipo totalmente especializado.
Os drons de última xeración de Aerocámaras permiten realizar análises de forma exhaustiva tanto de edificios e instalacións industriais como da rede eléctrica, portos ou embarcacións, entre outros. Ademais, este tipo de inspeccións representan unha área de traballo en pleno desenvolvemento, xa que nun futuro próximo poderanse realizar este tipo de inspeccións dentro das zonas urbanas españolas.
Por agora, Aerocámaras xa analizou urbes francesas, inglesas ou mesmo mexicanas á espera de poder ser o pioneiro en ofrecer este tipo de servizos en España. Pereira asegura que están “ultimando os trámites” para ser os primeiros en acceder a este tipo de servizo, o que ademais permitiría reforzar o persoal actual da empresa ante unha importante carga de traballo.
(Fonte: Aerocámaras)