Os drons de Aerocámaras voan contra a velutina

Drons contra as avespas velutinas. A loita contra a especie asiática que ameaza as colmeas ourensás ten un novo aliado voador, o dron. Con pértega incorporada, esta aeronave pode aproximarse ao alto dunha árbore onde aniña a avespa e rapidamente inxectarlle unha substancia que neutraliza o crecemento da avespa raíña e, consecuentemente, de toda a súa comunidade. As facultades do dron como eliminador de niños de velutina probáronse a semana pasada en Celanova.

A empresa Aerocámaras, que desenvolve dende o Parque Tecnolóxico de Galicia drons e novas aplicacións para eles, foi a encargada de realizar a demostración de como funcionaba. O dron realizou a súa función en apenas dez minutos, os que tardou en despegar e aproximarse voando ata o alto da árbore. Alí despregou unha pértega dende a que se inxectaba ao interior do niño unha substancia nociva para estas avespas. Jaime Pereira, xerente de Aerocamaras, explicou que a empresa leva dous anos traballando neste proxecto innovador. Neste caso, a novidade está na montaxe dun dron específico ao que se lle engade unha pértega.

O piloto do dron debe controlar o voo da aeronave e o despregamento da pértega para que a acción contra o niño de velutina sexa eficaz. Unha das dificultades que formula a eliminación dos niños destas avespas é que adoitan estar no medio de bosques ou nas copas de árbores ás que é difícil acceder. Por iso, resulta interesante a utilización dos drons para esta finalidade, destacaron dende a empresa.

Esta compañía ourensá tamén desenvolve outros produtos con drons para sobrevoar zonas afectadas por incendios, axudando a detectar novos focos, ou para a colaboración en buscas e rescates de persoas, como se puido recentemente durante un curso que Aerocamaras impartiu para persoal do consorcio provincial de bombeiros e para outros profesionais implicados nas emerxencias.

(Fonte: La Voz de Galicia)