Coa multiplicación exponencial dos envíos a domicilio, disparouse o número de empresas de “delivery” de todo tipo, desde as de mensaxería ás de comida preparada. Coche, motocicleta, patinete, bicicleta son os vehículos que habitualmente se utilizan nas tarefas de reparto. A eles súmanse agora os drons, que destacan pola súa rapidez de entrega e a súa capacidade de acceder a lugares imposibles para outros métodos de transporte.
Así o entendeu a firma Drone to Yacht, que hai uns meses desembarcou no sector do delivery. A súa primeira entrega levouna a cabo no restaurante Can Yucas, situado na cala Tarida (Eivissa). Desde entón, a compañía galega creou acordos con numerosos restaurantes ibicencos e traballa para ampliar a súa lista de franquiciados nas illas, península e comezar a internacionalización cara a Miami, Caribe, Italia e Emiratos Árabes Unidos.
Autonomía e rapidez
Un dron eléctrico especializado para facer envíos de curtas distancias permite ofrecer un servizo rápido e silencioso. O multirrotor pode desprazarse até 30 quilómetros, alcanzar unha velocidade máxima dun 50 km/h e transportar un peso de até 5 kg que descolga mediante un carrete de 20 metros, o que permite o acceso a sitios remotos con rapidez.
Drone to Yacht está en pleno proceso de expansión cara a diferentes países e escenarios, como campos de golf e outros lugares privados de entretemento, asinando novos franquiciados como restaurantes e tendas situadas en portos marítimos, interesados en vender os seus produtos e realizar os envíos a través de drons.
Fonte: La Voz de Galicia