Os datos no mundo multiplicaranse por 10 en 2020

A tradicional barreira entre o real e o virtual estase a esvaecer nun mundo como o actual con 14.000 millóns de dispositivos conectados a Internet e uns datos xerados que se duplican cada dous anos e que en 2020 se multiplicarían por dez, segundo un informe da empresa EMC.

As cifras supoñen pasar dun volume de información equivalente a 4,4 millóns de millóns de GB na actualidade, ata 44 millóns de millóns de GB ao inicio da próxima década, segundo este sétimo estudo sobre o universo dixital da multinacional estadounidense EMC, realizado pola consultora tecnolóxica IDC, ao que tivo acceso Efefuturo.

Baixo o título “O Universo Dixital das oportunidades: os datos valiosos e o crecente valor do Internet das Cousas”, o documento destaca o potencial para as empresas da análise intelixente das inxentes cantidades de información que se están a xerar, e cuxa reutilización abre a porta a novidosos modelos de negocio. As posibilidades son infinitas: dende a posta en marcha de sistemas de regadío ‘intelixentes’ que non só teñen en conta o tempo real senón tamén os datos das previsións meteorolóxicas, ata edificios que ao dispoñer dese tipo de información se adiantan a ondas de calor e baixan con tempo abondo os seus niveis de temperatura para ser máis eficientes.

Así explicouno nunha entrevista con Efefuturo, o director de tecnoloxía de EMC en España, Alejandro Giménez, acompañado do analista independente Jaime García, tras insistir nos nichos de mercado que están a xurdir do uso intelixente de datos. Por exemplo na loita contra a fraude, a análise cruzada de datos obtidos da monitorización de chamadas e dos movementos de tarxeta dun usuario pode delatar condutas delituosas en tempo real: por exemplo se a situación do teléfono dende onde se fala non é a mesma que a do caixeiro no que supostamente estase a sacar diñeiro.

“Só nos dous pasados anos a información xerada a nivel mundial foi a equivalente á dos 2000 anos anteriores”, segundo o informe. Un fogar medio xera ao ano un volume de información equivalente á capacidade de almacenamento de 65 teléfonos intelixentes de gama alta e a previsión para 2020 é que a cifra se dispare ata os 318. Ademais para 2020, está previsto que o número de obxectos conectados a Internet alcance os 32.000 millóns, coa xeración do 10% dos datos de todo o mundo.

Ao inicio da próxima década o 35% dos datos xerados no mundo terán a consideración de útiles. Na actualidade só ao 5% da información se lle dá un valor engadido mentres que é útil o 22%.

A cantidade de información crece tanto que en 2020 a capacidade prevista de almacenamento será inferior ao 15% do total de datos xerados; en 2013, este espazo dispoñible foi do 33%. “Non todos eses datos requiren ser almacenados: por exemplo moitos vídeos e mensaxes”, segundo o directivo de EMC; precisamente un dos retos nos próximos anos será discernir doadamente cales poden achegar realmente un valor engadido e en que sectores. Recordou que certas aseguradoras descubriron por exemplo un filón no uso de navegadores tipo GPS nos vehículos dos seus clientes.

(Fonte: EFE Futuro)