Os datos do futuro almacenaranse en cristal

Na última década, confiar as nosas fotos e arquivos á nube pasou a formar unha parte tan corrente da nosa vida cotiá que apenas pensamos niso. Servizos como Dropbox, iCloud e Google Photos recompilan sixilosamente datos persoais dende os nosos móbiles. Pero manter estes centros de datos que almacenan toda esta información non é tan doado como parece.

Ademais de desenvolver, alimentar e refrixerar estas enormes instalacións, os medios físicos nos que os datos se almacenan requiren dunha atención constante. Unha unidade de disco duro, parecida ás que atopamos nun ordenador de mesa, necesita substituírse cada tres ou cinco anos. Ao engadir capacidade de almacenamento extraordinaria constantemente, a xestión de todos eses datos converteuse nunha carga cada vez máis pesada para os provedores de informática na nube.

Avance

Agora Microsoft anunciou un grande avance cun formato de almacenamento totalmente novidoso: o cristal. A diferenza das unidades de disco duro, o almacenamento en cristal pode durar centos ou miles de anos. O material non se degrada e é resistente á corrupción de datos, coñecida como bit rot procedente da calor, as inundacións ou as radiacións solares, que ás veces poden afectar ao almacenamento magnético.

Project Silica, desenvolvido polo departamento de Investigación de Microsoft en Cambridge e a Universidade de Southhampton, é un intento de avanzar no almacenamento adaptado ás necesidades na nube, non dos dispositivos persoais.

“Se empezamos de cero e atopamos algo axeitado para a nube, todo se formula dende unha escala completamente distinta”, explica Ant Rowstron, director de investigación e subdirector de laboratorio de Microsoft Research Cambridge. “Fixemos todo o que podiamos facer cos actuais soportes para servidores e cos medios de almacenamento”, explica.

A principios de novembro, Microsoft e Warner Bros fixeron unha demostración de Project Silica almacenando a película Superman de 1978 nun anaco de cristal de 7,5 x 7,5 centímetros. Microsoft tamén o probou poñendo a base de código para Windows 10 nunha peza de cuarzo de 2,5 x 2,5 cm. Aínda que esta tecnoloxía está na súa fase inicial, fíxose posible grazas aos avances no láser infravermello.

Os chamados láser de femtosegundo, similares aos que se utilizan na cirurxía ocular, son moito máis rápidos e máis precisos. Se unha pulsación de láser é demasiado longa ou potente, o cristal pode romper. Pero a técnica de Project Silica integra decenas de capas de datos no cristal nunha técnica similar ao pixelado tridimensional. Os datos lense botando luz a través do cristal. Os algoritmos da aprendizaxe automática poden acelerar este proceso recorrendo ao almacenamento en cinta para atopar os datos axeitados.

Aínda hai algunhas barreiras para trasladar a tecnoloxía ao desenvolvemento na nube. Dado que só se pode escribir unha vez en cada peza de cristal, o formato non é reutilizable como as unidades de disco duro. E polo momento é un proceso bastante lento. Non obstante, a pesar da aparente fraxilidade do cristal, Rowstron confía que, nos próximos anos, Silica acabe sendo unha resistente forma de almacenamento.

(Fonte: Expansión)