Os cursos de perfeccionamento en cirurxía laparoscópica para xinecólogos volven a Tecnópole

Un novo grupo de especialistas en xinecoloxía e obstetricia de hospitais públicos das catro provincias formarase en Tecnópole ao longo dos próximos meses no perfeccionamento de técnicas de cirurxía laparoscópica. Este curso de perfeccionamento, cuxa inscrición se mantén aberta ata o 28 de setembro, celebrarase entre outubro e febreiro do próximo ano.

A formación, consistente en seis xornadas, levarase a cabo no Centro de Investigación en Novas Tecnoloxías Cirúrxicas Minimamente Invasivas (Tecmeva) de Tecnópole, que organiza os cursos xunto coa Sociedade Galega de Obstetricia e Xinecoloxía (SGOX). A formación complétase con sesións experimentais no Hospital Veterinario Rof Codina de Lugo.

O obxectivo deste adestramento práctico, que cerrou a súa primeira edición hai uns meses, é que no prazo de tempo máis breve posible o 100% das intervencións xinecolóxicas de calquera tipo que se realicen na sanidade pública galega sexan mediante estas técnicas, minimamente invasivas e máis seguras e eficaces.

Durante o curso, os alumnos e alumnas aprenden a aplicar estas técnicas á ligadura de trompas, á extirpación de quistes e hernias, á determinación do estadio dun tumor, á endometriose, etc. Para facelo posible, teñen á súa disposición en Tecmeva unha sala de adestramento con catro postos completos de endoscopia e un quirófano con instrumental e material específico de cirurxía laparoscópica, ademais de dous simuladores virtuais.