Un deles foi Continental ao anunciar os primeiros cristais intelixentes do mercado capaces de modificar a súa transparencia a través de sinais de control electrónico.
O Cristal de Control Intelixente utiliza láminas especiais que se insiren no cristal para poder escurecelo de forma selectiva e gradual tanto nas ventás laterais como nas traseiras así como en diferentes partes do parabrisas. ¿E isto para que? Para mellorar dous aspectos: a seguridade e o aforro enerxético.
Dende o punto de vista da seguridade, poder escurecer parcialmente o cristal axudaranos enormemente nesas situacións nas que os raios do Sol son moi molestos (durante o amañecer e o atardecer) e reducen de forma significativa a visibilidade. Con estes cristais sería mesmo posible anticiparse e que en función da hora o cristal tivese zonas máis escuras que outras.
O escurecemento dos cristais dos coches é moi interesante dende o punto de vista do aforro enerxético porque a radiación solar se pode reducir con maior eficacia que con outras tecnoloxías. Esta mellora permite reducir o traballo do sistema de climatización polo que este pode ser máis pequeno, máis eficiente enerxeticamente e, ademais, moito máis lixeiro. Tamén fai posible prescindir do peso engadido que supoñen os parasoles e as cortinas para as ventás, con efectos positivos sobre o medio.
Pero existen máis usos, como a privacidade á hora de deixar estacionado o coche. Se o vehículo está estacionado, as ventás escurécense automaticamente e o interior queda oculto dende fóra. Este novo cristal de control intelixente amplía as posibilidades dos deseñadores.
Esta tecnoloxía non é unha novidade, algúns vehículos de moi alta gama inclúeno nos seus teitos solares ou mesmo en vehículos convertibles, pero é a primeira vez que se consegue facer sobre outro tipo de cristais.
Esta tecnoloxía de laminado xa está lista para produción. Baséase en partículas incrustadas que se dispoñen aleatoriamente cando non hai alimentación eléctrica escurecendo o cristal dende o exterior. E ao mesmo tempo conserva a transparencia dende o interior ao exterior. Se se aplica corrente eléctrica as partículas alíñanse en paralelo, de modo que o cristal se volve permeable á luz en ambas as dúas direccións.
O custo desta lámina é aínda elevado para aplicar en vehículos de gama media e cunha ampla superficie acritalar, pero futuros desenvolvementos reducirán o seu custo a curto prazo. O primeiro paso é que a lexislación permita o seu uso, despois, poderemos velo en gamas medias e altas dos fabricantes de automóbiles. Como en moitos casos de innovación, a lexislación atrasa a súa implantación.
(Fonte: Hipertextual)