Os contrasinais robustos, unha protección online clave

Infravalorar a importancia dos contrasinais, mesmo nas tarefas dixitais máis cotiás e menos sensibles ao roubo de datos, pode carrexar graves consecuencias. A recomendación principal dos expertos en ciberseguridade para que o contrasinal sexa robusto é que sexa longo e completo: polo menos oito caracteres, utilizar algunha maiúscula e algún signo de exclamación ou interrogación. Ademais, é conveniente evitar os datos máis doados de lembrar e de adiviñar, como datas de nacemento, iniciais, números de teléfono ou o DNI.

Os sistemas de detección biométricos (identificación facial, detector de pegada) reforzaron o papel dos contrasinais en teléfonos móbiles e computadores persoais, ademais de verificacións dobres a través dun sms adicional que inclúe un código de verificación.

Con todo, estes métodos non están exentos de vulnerabilidades, polo que cómpre extremar as precaucións e habituarse a cambiar os contrasinais dúas ou tres veces ao ano (como mínimo) e evitar utilizar a mesma clave de acceso en programas, redes sociais e plataformas diferentes. Un dos erros máis comúns é anotar os contrasinais en papel e deixalos no posto de traballo, ou ben na carcasa do móbil ou na carteira, o que posibilita que ante un roubo (ou accións malintencionadas de quen teña acceso a eses dispositivos ou lugares de traballo) todas esas claves de acceso queden expostas.

Fonte: La Región