Os colectores amarelos chegan a Tecnópole para facilitar a correcta segregación dos envases de plástico

Tecnópole xestionou co Servizo de Augas e Medio da Deputación Provincial de Ourense a colocación dos cinco primeiros colectores amarelos para a correcta segregación dos envases de plástico en puntos adxacentes ás vías repartidos por todo o recinto.

A situación destes colectores pode consultarse na páxina web de Tecnópole, a través dun mapa onde é posible visualizar a súa colocación. Aínda que a selección dos puntos de reciclaxe se levou a cabo en función de criterios de cobertura de todo o recinto e de peticións cursadas por empresas con necesidades especiais, o Servizo de Medio e Calidade do Parque Tecnolóxico de Galicia recollerá e tramitará as solicitudes das empresas e centros que queiran contar cun recipiente destas características nas súas inmediacións.

A recollida e xestión dos residuos é competencia da Deputación Provincial de Ourense que, como en todos os casos, condiciona a permanencia dos colectores a que se faga un uso axeitado deles. Isto quere dicir que todas as empresas e centros de Tecnópole han de asumir o compromiso de non verter plásticos industriais, limitándose a envases de plástico lixeiros.

Esta iniciativa forma parte da Política de Responsabilidade Social Corporativa do Parque Tecnolóxico de Galicia.