Unha start-up con sede en Cambridge (EEUU) chamada nuTonomy está a desenvolver automatización que está deseñada para dar unha sensación máis natural aos condutores e que se poida combinar coa condución humana de forma máis eficaz. Mentres que os sistemas informáticos de autocondución convencionais analizan o camiño mediante radar, LIDAR, GPS, e outros sensores antes de planificar a ruta ideal, os algoritmos desenvolvidos por nuTonomy imitan a condución humana, identificando un traxecto seguro polo que pasar. Un coche controlado polo software desta empresa fará a ruta ideal por este camiño.
Tamén é posible unir o control humano e o control artificial de forma máis natural mediante este enfoque. O sistema pode, por exemplo, supervisar a dirección do condutor e só intervir se parece que está a punto de virar fóra do traxecto definido polo software.
“O problema fundamental é que os humanos e as máquinas afrontan a condución de distinto xeito”, dixo o investigador de MIT e fundador de nuTonomy Karl Iagnemma nunha conferencia recente. Se non se toman as medidas axeitadas, isto podería significar que a condución autónoma se comporte de xeito non esperado ou que non resulte natural para os condutores.
Iagnemma di que nuTonomy tamén está a desenvolver novas maneiras de probar e verificar que un sistema de condución autónoma funcione en todos os escenarios posibles, algo que facilitará os avances cara a maior automatización. Engade que a empresa está a colaborar cun fabricante de luxo “de cara á produción”.
A automatización dos coches existe dende hai décadas. O piloto automático adaptado é unha característica que se inclúe de serie dende a década de 1990 e o estacionamento paralelo automático introduciuse arredor do ano 2000. Pero os avances recentes foron espectaculares. O modelo máis novo da Serie 7 de BMW, por exemplo, permite ao condutor baixarse do coche para que este se aparque a si mesmo con só pulsar un botón. Algúns modelos de Mercedes poden conducir de forma automática en trafico lento, e tanto Audi como Volvo teñen plans de incluír tecnoloxías similares o ano que vén.
A semana pasada reguladores e lexisladores de EEUU aproximáronse ao mandato de maior automatización de vehículos. A Xunta Nacional de Seguridade no Transporte publicou un informe que pide a incorporación de sistemas anticolisión nos coches de nova fabricación; e propostas de lei no Senado e a Cámara de Representantes incluirían estas tecnoloxías nas clasificacións de seguridade vehicular.
Condución autónoma
Os progresos alcanzarán fitos importantes este ano e o próximo grazas á introdución dunha nova tecnoloxía que permita que os coches conduzan de forma autónoma polas autoestradas. O fabricante de coches eléctricos Tesla dixo que modificará os sedán de modelo S, para dotar os coches dos sensores necesarios coa capacidade de asumir o control da velocidade e da dirección en autoestrada. Cadillac ten plans de ofrecer tecnoloxías similares como característica opcional nalgúns modelos o ano que vén.
A introdución destes sistemas podería suscitar preocupacións acerca de posibles distraccións aos condutores, sobre todo se os condutores necesitan retomar o control do volante de forma repentina. Cadillac aínda non dixo como o condutor entregará e recuperará o control do sistema, pero o voceiro de General Motors, Dan Flores, di: “Poden estar seguros de que o desenvolvemento contempla escenarios de fallos do sistema”.
Este impulso cara a unha maior automatización non se desprende unicamente do interese dos fabricantes senón tamén das empresas de tecnoloxía. Ademais de Google e o seu coche sen condutor, Uber mostrou interese na condución autónoma mediante a caza furtiva de investigadores académicos da Universidade Carnegie Mellon con experiencia neste campo, e ata se rumorea que Apple está a desenvolver tecnoloxía de condución autónoma.
O profesor Paul Green da Universidade de Michigan (EEUU), que estuda o comportamento dos condutores e as interfaces vehiculares, di que a automatización parcial inevitablemente formula novas preocupacións. “Un dos problemas principais é que representa un cambio bastante importante na forma de conducir”, di. “Hai xente que preme para que isto se faga rápido, pero hai que facelo con coidado. Realmente non podemos predicir como se comportará a xente”.
(Fonte: Technology Review)