Descuberto (a ligazón química e a súa estrutura) durante o decenio de 1930, en principio a este material apenas se lle prestou atención, pero dun tempo para acó estánselle buscando múltiples aplicacións, desde a fabricación de móbiles deformables ou plegables até o desenvolvemento de músculos artificiais.
Ademais, o grafeno está a ser contemplado desde hai uns anos como posible material de fabricación de proteccións corporais, como cascos, escudos ou chalecos antibalas, dadas a súa resistencia e a súa lixeireza.
Agora, un equipo de investigadores da Universidade de Massachusetts-Amherst (EE.UU.), liderado polo enxeñeiro Hwang Jae-Le, logrou comprobar por vez primeira nun experimento de laboratorio a eficacia do grafeno neste sentido. Segundo informa a revista Newscientist, os científicos realizaron unha proba balística en miniatura para testar a capacidade do grafeno para parar balas.
Para iso utilizaron un pulso de luz láser co que sobrequentaron filamentos de ouro ata que estes se evaporaron. Entón reaccionaron como a pólvora e dispararon un proxectil do tamaño dunha micra contra entre 10 e 100 láminas de grafeno e a unha velocidade de 3.000 metros por segundo (velocidade que equivalería a preto dun terzo da dunha bala disparada por un fusil M16).
Dez veces máis resistente
Constatouse entón que as láminas de grafeno eran 10 veces máis resistentes que láminas macroscópicas de aceiro que se disparasen a unha velocidade de 600 metros por segundo, explican os científicos na revista Science.
O proceso que fixo posible semellante resistencia foi o seguinte: ao impactar a minúscula bala contra as láminas do material, este disipou a enerxía cinética do impacto estirándose en forma de cono, no punto de contacto coa bala; e logo por craqueo cara a fóra, radialmente. O craqueo é un proceso químico polo cal se creban as moléculas dun composto. Así que, visto o visto, confírmase que o grafeno podería ter (tamén) interesantes aplicacións militares.
(Fonte: Tendecias21)