A Aula Newton Galicia, con sede en Tecnópole, é a única que existe en España con carácter permanente. Ten como obxectivo promover as carreiras científicas e tecnolóxicas entre o alumnado de 2º da ESO a 2º de Bacharelato e FP de toda a comunidade. Esta iniciativa, que destaca polo seu enfoque totalmente práctico e innovador, está impulsada conxuntamente pola multinacional Boeing, a organización sen ánimo de lucro FIRST Scandinavia, a Xunta e Tecnópole.
A Aula ofrece ao alumnado a oportunidade de iniciarse no mundo da aviación a través do módulo “Voamos con números: unha aventura aérea”. Para iso cóntase con catro simuladores de voo profesionais, que permiten que os rapaces e rapazas gocen desta singular experiencia, converténdose en pilotos por un día.
No transcurso de cada sesión, a rapazada debe responder a unha hipotética misión de rescate localizada na nosa comunidade, proposta polo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia -situado na Estrada-, froito da colaboración de Tecnópole coa Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) a través do 112 Galicia. Así, logo de calcular as rutas de voo e de establecer as prioridades da misión, os participantes poranse á fronte dos simuladores de voo, asistidos por un equipo de instrutores cualificados.
A Aula Newton Galicia está a piques de iniciar a súa sexta edición. Os centros educativos galegos xa se poden inscribir de xeito gratuíto na primeira quenda deste novo curso, que comezará en outubro e se desenvolverá ata finais de xaneiro. Deberán facelo a través da páxina web https://newtonroom.com/es/localiza-tu-aula-newton/newton-galicia, onde poden reservar a data que máis lles interese das que estean dispoñibles. A Aula estará accesible os xoves e venres pola mañá, en horario de 10:30 a 13:30 horas, para grupos de entre 24 e 32 alumnos. Haberá unha segunda quenda entre os meses de febreiro a xuño. No pasado curso participaron nesta experiencia 65 centros educativos de toda a comunidade, cun total de 1872 asistentes.
Material inclusivo
Para o alumnado de cursos superiores -segundo ciclo da ESO, Bacharelato e ciclos formativos- e para os grupos que xa teñan participado en edicións anteriores, ofrécese unha proposta máis avanzada destas sesións. Neste caso, a rapazada terá que realizar cálculos máis complexos, que implicarán desde a selección da aeronave e a elección dun aeródromo compatible coa súa distancia de despegue ata o cálculo do combustible necesario ou a creación dun plan de voo a partir dunhas coordenadas iniciais e finais.
Por outro lado, a Aula Newton dispón de materiais didácticos específicos para persoas e colectivos con necesidades especiais, en liña co compromiso de Tecnópole de “garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade, promovendo oportunidades de aprendizaxe para todas e todos”.