Os ascensores do futuro funcionarán por levitación magnética

A empresa alemá ThyssenKrupp promete que nos rañaceos do futuro haberá ascensores que chegarán cada 30 segundos. A firma presentou unha tecnoloxía que permite que un só pozo aloxe máis dunha cabina que, ademais se moverá en horizontal.

ThyssenKrupp asegura que o seu invento revolucionará a arquitectura moderna, porque os bloques centrais dos pozos do ascensor, un elemento imprescindible nos edificios actuais, xa non limitarán o deseño.

Os residentes dos edificios terán que esperar menos ante as portas do ascensor, mentres que os construtores gañarán espazo que se poderá destinar a apartamentos, oficinas e outras instalacións. A clave do desprazamento da cabina é un motor lineal que ThyssenKrupp produciu seguindo o modelo do tren de levitación magnética alemán Transrapid, construído pola propia firma en colaboración con Siemens. Cada unha das cabinas necesitaría un só motor, tanto para o movemento horizontal como para o vertical.

As cabinas serán capaces de deterse de forma independente para que os pasaxeiros entren e saian con seguridade. O primeiro edificio en utilizar un prototipo deste ascensor será unha torre de 240 metros que se está construíndo en Rottweil, Alemaña. O público poderá probar o sistema en 2016.

(Fonte: Axencias)