Os antídotos galegos contra a fast fashion

Tendas online low cost, cupóns de desconto cortesía das influencers, correos electrónicos xerando necesidades coas últimas tendencias a prezos sumamente baixos… Decenas de inputs convidan cada día a un consumo rápido, case impulsivo, e o sector da moda é un dos arroiados por esta tendencia.

A industria téxtil recuperouse en España un 19% durante os cinco primeiros meses de 2022,  segundo o barómetro da Asociación Nacional do Comercio Téxtil (Acotex). Este crecemento contrarresta a caída experimentada durante a pandemia, un 40% en 2020 e un 13% en 2021, pero inclúe tamén o consumo da «moda rápida». Este sistema fundaméntase en moito volume de produción e venda a prezos moi baixos a curto prazo, pero que leva tras de si unha factura moito maior, entre elas a ambiental.

A industria da moda era, xa en 2015, responsable do consumo de 79 billóns de metros cúbicos de auga, 1715 millóns de toneladas de emisións de carbono e 92 millóns de toneladas de residuos, segundo os datos recompilados entón polo Parlamento Europeo. Outro estudo publicado pola Asociación Ibérica de Reciclaxe Téxtil (Asirtex) advertía a finais de 2020 de que máis de 900.000 toneladas de roupa remata cada ano en vertedoiros.

Cando o consumidor se topa de bruzos con esta estampa dispáranse as alarmas, pero, canto dura? Un recente informe de KPMG recolle que para o 81% dos axentes do sector consultados o prezo é unha prioridade, moi por riba da experiencia de compra (42,8%) e a trazabilidade da peza (42,85).

Con todo, no medio de todo este contexto, o sector do téxtil e a confección miran de fronte ao reto da sustentabilidade. Galicia deseña unha nova industria da moda e os grandes grupos xa traballan nesta liña. Aí están a colección Zero Waste de Adolfo Domínguez, o mostrario cápsula de cinco vestidos de noite de Zara que incorporan tecidos elaborados con dióxido de carbono ou a alternativa ao denim na que traballa Roberto Verino. Ademais, o téxtil galego impulsa tamén a relocalización da produción para ser máis sustentable. Os grandes músculos do sector na comunidade capitanean un cambio de paradigma fronte a xigantes asiáticos cuxa estratexia vira ao redor da fast fashion e ao low cost agresivo.

Fonte: Diario Información