Os analistas financeiros axudan as empresas a producir máis patentes

O investimento en I+D é importante para as empresas, xa que é un elemento determinante para os seus beneficios e o seu crecemento a longo prazo. Non obstante, non todas invisten de xeito óptimo en innovación. Existen diversas variables que poden distorsionar tales decisións de investimento.

Un estudo recente levado a cabo por investigadores da Universidade Carlos III de Madrid (UC3M), en colaboración coa Universidade Autónoma de Barcelona (UAB), estuda o papel dos analistas financeiros nas decisións de financiamento da innovación nas empresas. Este estudo conclúe que os analistas financeiros poden axudar as empresas a investir máis eficientemente en innovación e así producir un maior número de patentes e de mellor calidade.

A función dos analistas financeiros é proporcionar información aos mercados sobre as actividades das empresas, tanto redactando informes como facendo predicións sobre os seus beneficios futuros.

Os seus informes proporcionan datos sobre as actividades das empresas e, polo tanto, reducen as asimetrías de información entre os xerentes e o público. Por un lado, ao achegar unha maior información aos mercados, diminúense os riscos de tomar decisións empresariais erróneas á hora de inverter, o que pode incentivar os empresarios a apoiar mellores proxectos de innovación.

Presión sobre os xerentes

Por outro lado, esas figuras tamén exercen certa presión sobre os xerentes das empresas como consecuencia da publicación das súas predicións sobre os beneficios futuros por acción. Iso acontece porque os mercados reaccionan de xeito negativo se as empresas non alcanzan os obxectivos de beneficios por acción establecidos polos analistas. Por iso, os xerentes tenden a recortar o gasto en I+D cando temen non poder alcanzar os devanditos obxectivos xa que recortando gastos sobe automaticamente o beneficio por acción.

Os investigadores constatan que “existe unha tensión porque os analistas financeiros teñen un efecto positivo e outro negativo sobre a innovación. E o interesante da nosa investigación é que permite determinar cal dos dous efectos pesa máis. Parece que o efecto positivo domina o efecto negativo e, polo tanto, os analistas teñen un efecto total que é positivo sobre a innovación”, explica unha das autoras do estudo, Anna Toldrà-Simats, do departamento de Economía da Empresa da UC3M.

“Atopamos que as empresas que contan con máis analistas financeiros teñen máis tendencia a adquirir outras empresas dedicadas á innovación, a realizar investimentos en capital risco corporativo e a reducir os gastos en I+D interno con pouca achega, o cal dá lugar a unha asignación dos recursos en I+D máis eficaz”, engade unha das autoras do estudo, Bing Guo, profesora de Contabilidade no departamento de Economía da Empresa da UC3M.

Para outro dos autores, o profesor David Pérez Castrillo, do departamento de Economía e de Historia Económica da UAB, “o traballo suxire que o seguimento dos analistas financeiros leva ás empresas a externalizar as súas actividades de innovación, para facelas máis visibles. Como acontece con outras decisións empresariais, certo grao de supervisión leva as empresas a tomar decisións máis eficientes, tamén en termos de innovación”.

A investigación conclúe que apoiar o traballo dos analistas financeiros dá lugar a unha mellor asignación dos recursos de I+D das empresas, a un aumento do número de patentes e a unha mellora da súa calidade.

Industria aeroespacial, informática e farmacéutica

O traballo tamén sinala algunhas características dos investimentos en innovación que adoitan realizar as empresas. Por un lado, comprobaron que as compañías que máis apostan pola innovación son aquelas que están na área da alta tecnoloxía, como é o caso da industria aeroespacial, a informática ou a farmacéutica.

Para a realización do estudo, o equipo de investigación analizou información de 3000 empresas estadounidenses cotizadas. “Recollemos información de nove bases de datos distintas, como son os datos financeiros das empresas, os datos sobre os analistas financeiros que seguen estas empresas e os datos sobre as estratexias de investimento en I+D e adquisicións das empresas, entre outros,” engade a profesora Bing Guo.

(Fonte: SINC)