Os alumnos do Máster Oficial en Creación, Dirección e Innovación na Empresa da Universidade de Vigo trasladaranse mañá martes á Tecnópole para coñecer de cerca a súa actividade e a das plataformas tecnolóxicas galegas. Ademais, realizarán unha visita ao Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia (LOMG).
A visita foi organizada pola directora da Cátedra Bancaja de Xoves Emprendedores da Universidade de Vigo, Ana Gueimonde, que destaca como obxectivo principal da xornada dar a coñecer aos alumnos do Máster algunhas das estruturas, centros e organismos que constitúen soportes relevantes para que se desenvolva a innovación empresarial e xurdan iniciativas emprendedoras.
Así, despois dun percorrido polo LOMG que lles permitirá coñecer de preto a actividade dun centro tecnolóxico ao servizo do tecido produtivo galego, asistirán a unha presentación sobre Tecnópole na que lles serán expostos os proxectos que está a levar a cabo e os servizos que lles presta ás 95 empresas e centros tecnolóxicos aos que dá acollida.
Os alumnos poderán achegarse tamén á realidade dalgunhas das plataformas tecnolóxicas galegas a través dunha mesa redonda na que as súas representantes lles explicarán os obxectivos e proxectos destas entidades asociativas de apoio á innovación. Na sesión intervirán as secretarias técnicas das plataformas Agroalimentaria (PTGAL), de Nanotecnoloxía (Nanogal), das TIC (Vindeira) e da Madeira (PTGM).
Tecnópole no Máster
Os alumnos do Máster de Creación, Dirección e Innovación na Empresa da Universidade de Vigo atópanse no ecuador do curso, iniciado en outubro e do que eles forman a segunda promoción. O programa de posgrao impártese na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do Campus Universitario de Ourense e Tecnópole é unha das entidades colaboradoras. A visita deste ano dalle continuidade á experiencia iniciada o ano pasado, na que os alumnos compartiron as vivencias dos emprendedores que desenvolven a súa actividade na incubadora de empresas do Parque Tecnolóxico de Galicia.
O persoal de Tecnópole, experto en temas de innovación, está a colaborar na docencia do programa e apoiando ao alumnado na elaboración do proxecto de creación de empresa -unha das partes centrais do curso- mediante o seu Gabinete de Viabilidade e Apoio a Emprendedores.
Ademais, Tecnópole está a prestar apoio na organización das prácticas, difundindo a posibilidade de acoller alumnos en prácticas entre as empresas de Tecnópole e trasladandolle o interese das empresas á Universidade de Vigo.