Banco Santander fíxose co premio ‘Silver Award’ polo seu novo servizo de transferencias internacionais One Pay FX. Esta ferramenta financeira, que utiliza a tecnoloxía baseada en blockchain, xa está dispoñible para os clientes particulares de España, Reino Unido, Brasil e Polonia. A entidade ten previsto ampliar nos próximos meses o espectro de países -de Europa, América Latina e Asia- nos que implementar One Pay FX. O ámbito das transferencias internacionais vai dende 10€ ata 10.000 €.
Santander One Pay FX permite realizar transferencias internacionais -dende os 10 ata os 10.000 euros- entre particulares de forma máis rápida, xa que chegan ao seu destino ese mesmo día ou a xornada seguinte como moi tarde. Tamén permite aos clientes coñecer o importe exacto da transferencia na moeda do destinatario antes de confirmar a transacción. En cada país nos que se puxo en marcha, os clientes dispoñen de distintas opcións de destino. En España, é posible enviar dólares a Estados Unidos e libras a Reino Unido. Pola súa banda, os clientes de Reino Unido teñen a alternativa de enviar euros a 21 países e dólares a Estados Unidos, mentres que en Brasil e Polonia se poden enviar libras a Reino Unido.
Cada vez son máis as empresas que teñen en conta esta tecnoloxía. Segundo a enquisa Global Blockchain Survey 2018 elaborada por PwC entre 600 executivos de grandes empresas internacionais, unha gran parte das compañías está a descubrir agora cal é o potencial do blockchain. Un 20% dos grupos enquisados ten algún proxecto en fase de estudo, un 32% en desenvolvemento, e outro 10% en fase proba. Aínda así, hai un 14% que aínda non se internou neste campo e se mantén á marxe desta tecnoloxía. Entre os motivos que frean estas empresas a probar o blockchain atópase a incerteza regulatoria, principal barreira para o 48% dos entrevistados.
Outro dato a ter en conta é que o valor do negocio blockchain, referido aos aforros de custos e eficiencias que a incorporación desta tecnoloxía suporía ás empresas, está previsto que aumente de 2500 millóns de dólares en 2017 a 2 billóns en 2030, segundo o provedor de información e datos financeiros IHS Markit.
Transaccións instantáneas
Banco Santander quere estar en primeira liña neste novo reto. A entidade desvelou que engadirá máis funcións nos próximos meses e entre os seus obxectivos está que as transaccións sexan instantáneas antes do verán, o que converterá a Santander One Pay FX nun servizo de transferencias internacionais moito máis rápido que outros. Banco Santander convértese así na primeira entidade en dar unha ampla cobertura a clientes particulares en distintos países de xeito simultáneo.
Esta tecnoloxía “achega o valor, a transparencia, a confianza e o servizo que os clientes esperan dun banco como Santander”, sinalaba Ana Patricia Botín, presidenta de Banco Santander. “O Noso obxectivo é que sexa útil para os miles de clientes que fan a diario este tipo de operacións, e engadiremos máis moedas e destinos nos próximos meses. Blockchain ofrece grandes oportunidades para mellorar os servizos que damos aos nosos clientes. O lanzamento de Santander One Pay FX é a primeira de moitas funcionalidades que brinda esta tecnoloxía”, engadía.
A entidade española anunciou o lanzamento deste servizo a mediados de abril, indicando que a través da aplicación para dispositivos móbiles, os usuarios poderían realizar pagamentos internacionais de forma moi rápida coa axuda de xCurrent, unha tecnoloxía baseada en rexistros contables compartidos e que é propiedade da compañía californiana Ripple. Na conferencia Swell 2018, auspiciada por Ripple, o responsable de Innovación de Banco Santander, Ed Metzger, asegurou que “cremos que os servizos financeiros están a cambiar e trasladándose cara a un mundo de plataformas abertas, onde as compañías colaboran para brindar un excelente servizo aos clientes. Iso é o máis importante e é xustamente o que facemos con One Pay FX”.
O directivo tamén ofreceu a súa visión acerca da experiencia do banco no uso da tecnoloxía blockchain para facer pagamentos, sobre a que afirmaba que se trata dunha tecnoloxía que lle brindou ao banco unha nova visión sobre os estándares necesarios que hai que aplicar nas transferencias internacionais.
(Fonte: Innovaspain)