Galicia é a comunidade autónoma de España con maior potencial para xerar electricidade coas ondas. Destácao a Folla de ruta para o desenvolvemento da eólica mariña e das enerxías do mar en España que elaborou o Ministerio para a Transición Ecolóxica. O borrador do documento destaca que en Galicia e tamén en Asturias (aínda que menos) a xeración de enerxía a partir das ondas, tamén coñecida como undimotriz, “dispón de recurso de gran calidade para a súa viabilidade e desenvolvemento” e que noutros territorios con menores posibilidades como o País Vasco xa contan con plantas de produción eléctrica a escala comercial.
En Galicia, a eólica mariña segue a ser tema de debate. A proposta de Iberdrola de instalar dous parques no norte da comunidade, fronte á costa de Lugo, foi vista con receo por parte do sector pesqueiro. Para tentar chegar a puntos de encontro entre ambas as industrias, a Xunta creou o Observatorio da Eólica Mariña. Recentemente, as consellerías do Mar e de Economía expuxeron a este organismo a posibilidade de “desenvolver unha zona experimental” para poder investigar a tecnoloxía e a súa interacción coa actividade pesqueira.
O Ministerio para a Transición Ecolóxica volve incidir nesta posibilidade na súa folla de ruta. Apunta que Galicia presenta os valores de potencial de enerxía das ondas máis elevados de España, con potencias medias de entre 40 e 45 kW/m, e que o mar Cantábrico é a segunda zona en canto a recurso con ao redor de 30 kW/m que van diminuíndo de oeste a leste.
O documento elaborado polo Ministerio que dirixe Teresa Ribera destaca que as tecnoloxías de enerxías das ondas presentan un amplo abanico de dispositivos probados, “pero sen converxer aínda a un deseño común e a pequena escala”.
Fonte: Faro de Vigo