Un carriño de bebé equipado para subir escaleiras, unha mochila ergonómica, un parasol eléctrico para coches, un novo buscador en internet ou un sistema para aforrar auga na ducha. Estas son algunhas das ideas innovadoras que once equipos de estudantes de Secundaria de toda Galicia están a converter en plans de negocio reais grazas á súa participación no programa TIC-TAC!, promovido pola Fundación Empresa-Universidad Gallega (Feuga) coa colaboración de Tecnópole (Parque Tecnolóxico de Galicia), onde hoxe recibiron formación sobre previsión e xestión de custos e recursos; márketing e fórmulas de emprendemento.
En total, trátase de 45 estudantes distribuídos en equipos, cada un deles acompañado dun profesor. Pola provincia da Coruña participan un equipo do IES Agra do Orzán (A Coruña) e cinco do IES Rosalía de Castro (Santiago). De Lugo chegaron dous grupos do IES Xoán Montes. Por Ourense participan dous equipos do Colexio Guillelme Brown (Pereiro de Aguiar) e un da Universidade Laboral de Ourense.
O programa ‘Talentos da Innovación e da Creatividade. Todos a competir!’ (TIC-TAC!) é unha iniciativa que se enmarca no Ano Europeo da Creatividade e da Innovación e que se leva a cabo co apoio da Fundación Española de Ciencia e Tecnoloxía (FECYT). O seu obxectivo é identificar talentos precoces con capacidade para converter as súas ideas en proxectos empresariais que poidan ter proxección real no mercado.
O programa consiste en que os estudantes, en base a dinámicas de traballo en equipo propias dunha empresa que nace, expoñan varias ideas propias, seleccionen a que máis posibilidades comerciais teña e a desenvolvan até convertela nun plan de negocio con todos os seus compoñentes. Logo dunha primeira xornada de formación intensiva celebrada en Santiago hai quince días e traballo en equipo co apoio de mentores empresariais, os estudiantes chegaron hoxe a Tecnópole cunha idea de negocio xa seleccionada para darlle forma.
As sesións de hoxe, impartidas por profesionais dos ámbitos da innovación, da planificación empresarial, do márketing e do emprendemento, teñen como obxectivo guialos para que durante as dúas próximas semanas perfilen os seus plans de negocio grazas ao traballo en equipo e o apoio dos seus mentores. O día 17 de novembro presentarán os seus proxectos empresariais en Santiago de Compostela, onde competirán para ser os mellores na avaliación que realizará un grupo de expertos.
Ademais, os equipos recibiron consellos de dous emprendedores que están a iniciar a súa traxectoria nas incubadoras de Tecnópole coas empresas Sonen e Enyiris e realizaron unha visita guiada ás instalacións.
Galiciencia
Os próximos 25, 26 e 27 de novembro, os participantes darán a coñecer os seus proxectos ao público nunha sección especial de ‘Galiciencia 2009’, a feira científica que Tecnópole organiza en Ourense cada ano con motivo da Semana da Ciencia.