O servizo de Gardacostas de Galicia contará con oito drons aéreos e submarinos que serven para localizar manchas de contaminación, detectar defectos en embarcacións, atopar aparellos en zonas vedadas ou actuar en salvamento no caso dun naufraxio. Diso informou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, quen concretou que incorporan catro drons aéreos e outros tantos submarinos que estarán “fundamentalmente” nas bases da Coruña e Vigo e nos servizos centrais. Tamén poderán viaxar a bordo da embarcación Paio Gómez Chariño, que se despraza por todo o litoral e que moi pronto será substituída por un barco de 40 metros de eslora alcumado Mar de Galicia, do que se ultima a súa posta a punto.
A capacidade dos drons submarinos consiste en mergullarse até 200 metros de profundidade, así como enviar a imaxe que grava a súa cámara a un teléfono móbil e destacou a súa utilidade para facer revisións dos buques e dos pantaláns e para buscar aparellos no fondo do mar.
No caso dos drons aéreos sinalou que se empregan para detectar posibles manchas de contaminación mariña e aparellos que estean calados de forma irregular, poden afastarse até 10 quilómetros e teñen un teito de altura de 120 metros.
Importante mellora no servizo
“Somos a única comunidade autónoma que ten un servizo así”, subliñou a titular de Mar, que engadiu que a súa “gran loita” é para defender aos profesionais que traballan no mar e contra o furtivismo. Estas unidades engadiranse a outras que supoñen un investimento total de máis de 10 millóns de euros e que son aptas para tarefas de inspección e vixilancia pesqueira, control e apoio á frota, colaboración en operacións de busca e salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña.
Fonte: El Correo Gallego