ODS Protein fabrica en Tecnópole proteínas alternativas ás de orixe animal

Iria Varela e Martín Rodríguez, titulados en Bioloxía pola UVigo, son os cofundadores de ODS Protein, un proxecto que naceu durante o seu último ano de carreira e que, grazas ao programa Incuvi, constituíase como empresa en abril de 2021. Tras a súa selección na modalidade Consolida, escalarán e validarán os seus procesos de obtención de proteínas para empezar a comercializalas “entre 2023 e 2024”.

O seu obxectivo é obter proteínas de alta calidade e alternativas ás de orixe animal mediante unha fermentación de precisión e sempre baixo os estándares da sustentabilidade e a eficiencia enerxética que perseguen os ODS da ONU. “Non se trata de competir coas proteínas animais, senón de ofrecer unha alternativa sustentable a diferentes industrias alimentarias. Ao producilas mediante fermentación non dependemos das condicións climáticas nin de grandes extensións, nin facemos un uso excesivo de recursos naturais”, destaca Iria Varela.

O seu primeiro produto ten como orixe fungos unicelulares que alimentan con residuos da propia industria alimentaria, polo que se axustan aos requisitos da economía circular. “Conseguimos unha biomasa que purificamos e acabamos obtendo un po con aminoácidos necesarios na dieta do ser humano. Por agora estamos enfocados nisto, pero iremos ampliando a carteira de microorganismos”, engade.

Fabrican as súas proteínas nos laboratorios do campus de Vigo e na Tecnópole de Ourense e, ademais de Incuvi, tamén forman parte da aceleradora Business Factory Food e un dos seus mentores é Capsa Vida, que agrupa a Central Lechera Asturiana ou Larsa, entre outras firmas. “Vemos interese en diferentes sectores e estamos en conversas”, celebra. “Desde que comezamos co proxecto de negocio o último ano de carreira, o emprendemento foinos gustando, fomos vendo oportunidades e iso motivounos a seguir. Sen o programa Incuvi non nos lanzariamos ou teríamolo feito máis tarde” -recoñece Varela-.

Fonte: Faro de Vigo